Xoves 29 de Outubro de 2020

O Goberno reitera ao BNG a súa intención de seguir a desenvolver o acordo de mandato


O portavoz do Goberno, José Manuel Lage Tuñas, destacou a boa disposición ao entendemento dos nacionalistas malia ser forzas diferentes

A comisión bilateral para o seguimento dos acordos de mandato asinados entre o Goberno de Inés Rey e o BNG reuniuse hoxe para analizar os termos pactados o 19 de xuño do 2019. Por parte do Goberno encabezou a delegación o seu portavoz e concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage Tuñas, acompañado de Juan Díaz Villoslada, concelleiro de Urbanismo e Santiago Roura, coordinador xeral da Alcaldía. Polo BNG estiveron presentes o seu portavoz, Francisco Jorquera, a concelleira Avia Veira e Francisco Rei, da dirección nacionalista. “A reunión foi positiva, hai unha boa
disposición ao entendemento sabendo que somos dúas forzas diferentes. Hai un acordo de mandato co BNG e imos seguir desenvolvendo ese acordo”, explicou Lage Tuñas.
O portavoz do Goberno lamentou que as circunstancias derivadas da pandemia obrigaran ás Administracións, tamén á local, a mudar a planificación prevista antes do mes de marzo. “Gustaríanos ter avanzado con maior axilidade e rapidez nos acordos asinados co BNG, pero este ano 2020 está marcado pola pandemia da Covid-19 e toda a planificación deseñada a finais do ano 2019 tivo que ser
modificada para priorizar o perentorio e urxente, que era xestionar as consecuencias da pandemia na cidade”.

As partes quedaron en verse novamente na primeira quincena do mes de outubro para afondar no contido dos acordos, na execución e na súa planificación. “O Goberno que dirixe Inés Rey vai seguir defendendo un proxecto progresistas para A Coruña, con diálogo con tódolos grupos e buscando o mellor para os coruñeses e coruñesas”, indicou Lage Tuñas.
O portavoz recordou que o Goberno que preside Inés Rey marcou como prioridades o diálogo e o entendemento coas outras forzas políticas, como ten demostrado desde o primeiro momento. “Os socialistas imos seguir priorizando o eixo progresista, tomando como base os acordos que temos asinados, sen que iso supoña ningún impedimento para poder chegar a acordos con tódolos grupos
políticos presentes na corporación que queiran cooperar e ser constructivos”, indicou Lage Tuñas.