Xoves 29 de Outubro de 2020

Feijóo di que os galegos do futuro terán na obra de Siro unha guía fiel para entender a Galicia que esperta á democracia e o autogoberno


Destaca ao galardoado, Siro López, como un dos grandes cronistas de toda unha época “co lapis, coa tecla e coa voz”

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que os galegos do futuro terán na obra de Siro unha guía fiel para entender a Galicia que esperta á democracia e o autogoberno.
Feijóo participou hoxe na entrega da quinta edición do Premio José Luis Alvite, outorgado pola Asociación de Xornalistas de Galicia a Siro López, un dos grandes cronistas de toda unha época, un comunicador total xa sexa “co lapis, coa tecla e coa voz”, dixo en referencia o seu labor como debuxante, pintor, xornalista, caricaturista, escritor e ensaísta.
Durante a súa intervención, o presidente da Xunta asegurou que os galegos do futuro sorrirán coas súas ilustracións, caricaturas e textos, porque unha das características do humor é que non envellece, nin caduca, nin pasa de moda. “É inmortal”, sentenciou, engadindo que a través do humor, galegos de épocas distantes poden atoparse e compartir un xeito de ver a vida que se transmite de xeración en xeración.
Así mesmo, sinalou que o humor e a caricatura son armas poderosas porque non pretenden selo, como demostra Siro, que o utiliza para retratar un país ao que quere como é e ademais faino suxerindo sen ferir, mantendo sempre un elegante respecto aos seus personaxes.