Xoves 29 de Outubro de 2020

O coruñés Raúl Dans Mayor recolle o II Premio Laudamuco para Textos Teatrais, o galardón teatral de maior dotación económica en Galicia


O certame, que promove a figura de Vidal Bolaño, foi convocado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas

O coruñés Raúl Dans Mayor recolleu esta mañá de mans do alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, o II Premio Laudamuco para textos teatrais, que convocan o Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas. O autor, natural de A Coruña e afincado en Oleiros, foi distinguido cun premio de 7.000 euros, cunha figura en bronce deseñada polo prestixioso artista Xosé Vizoso e coa edición do seu libro, ‘Só un home bo’, por parte de Edicións Positivas.
A chuvia obrigou a trasladar o acto de entrega da carballeira de Santa Minia á sala municipal de exposicións, “un lugar onde Roberto Vidal Bolaño pasou moitas tardes ensaiando co seu grupo Teatro do Aquí”, lembrou José Luís García, ex alcalde de Brión que agradeceu o convite a falar no acto por parte da organización. Un convite que tomou “como o mellor agasallo de cumpreanos: poder despedirme en persoa de gran parte dos integrantes do sector cultural de Brión”. García destacou que “todos sabemos que Roberto non é só o maior autor de teatro en galego e un dos grandes autores de teatro contemporáneo, senón que é un dos grandes escritores que temos na nosa lingua. Que persoas como Raúl Dans recollades o seu testigo, e fagades realidade aquilo que non lle gustaba a Roberto, é unha honra para nós”.

Unhas palabras que compartiu Francisco Macías, editor de Edicións Positivas, porque “eu sempre falo de Roberto como literato, porque foi un gran escritor e porque creo que non se está tendo en conta a calidade dos escritores de teatro”. Neste sentido, asegurou que “unha proba de que a literatura galega de teatro é excelente é o libre que hoxe presentamos, que teño que dicir que me deixou un pouco impresionado”.
A concelleira de Cultura, Sandy Cebral, destacou que “textos como So un home bo e autores como Raúl Dans son a demostración de que si podemos reunir os tres piares dos que falaba Roberto Vidal Bolaño para que Galicia teña o teatro que merece: escritores, vontade política e económica, e a vontade dun pobo por saber que ten dereito a expresarse na súa lingua”.

Manuel Guede Oliva, vogal da Academia Galega de Teatro e voceiro do xurado, salientou que “é un milagre que un pequeno concello como Brión tome unha iniciativa tan grande como poñer en marcha o premio mellor dotado do teatro galego en convocatoria anual”. Guede Oliva fixo esta puntualización porque “é curioso que na seguinte convocatoria a Consellería de Cultura decidira ampliar uns euros máis o Premio Álvaro Cunqueiro para neutralizar a estratexia de que o Laudamuco de Brión era o máis dotado economicamente. Pero segue a selo, porque ten convocatoria anual”.
Así mesmo, destacou que “este premio en moi pouco tempo conseguiu instalarse no sistema teatral galego e converter Brión nun referente teatral”, ao tempo que agradeceu a Raúl Dans “por seguir escribindo e presentándose ao Premio Laudamuco de Brión porque o teu nome prestixia este premio”. Ademais, agradeceulle que seguira “escribindo para o silencio escénico. Isto faite máis grande aínda. Pensa en Valle Inclán, que tamén escribiu para o silencio escénico do seu tempo. No seu tempo os triunfadores eran Echegaray, Linares Rivas… e onde están eses? E Valle Inclán onde está hoxe? Pensa niso, Raúl”. Neste sentido, Rui Madeira, director da Compañía de Teatro de Braga, apuntou que “queda moito traballo para convencer e sensibilizar para que o lector descubra o pracer de ler teatro”.
Entrega do premio.
Pola súa banda, Raúl Dans, quen sucede a Xabier Lama, agradeceu a aposta polo teatro realizada polo Concello de Brión coa convocatoria deste galardón, ao tempo que destacou a “edición meticulosa deste libro” por parte de Edicións Positivas e lle agradeceu a Manuel Guede “esas palabras esaxeradas sobre min, aínda que o certo é que parecía sincero”. Dans Mayor recibiu o premio de mans do alcalde brionés, Pablo Lago Sanmartín, quen confirmou que “no prazo dun mes, e para dar continuidade a este galardón, publicaremos as bases da terceira edición do Premio Laudamuco para Textos Teatrais en Galego”.
O acto rematou coa entrega e sinatura de exemplares de “Só un home bo”, obra da cal mesmo se representou un fragmento na propia casa da cultura brionesa, grazas á colaboración dos actores Luma Gómez, Paco Oti e Eduardo Alonso.
O xurado do premio Laudamuco estivo formado por Inma López Silva, Carmen Abizanda, Damián Villalaín, Xosé Manuel Fernández Castro e Manuel Guede Oliva, que tiveron que reunirse e deliberar de forma telemática, ao coincidir co momento do confinamento total pola pandemia do coronavirus. Todos eles coincidiron en sinalar “a calidade xeral dos textos presentados ao concurso” así como “o interese que a convocatoria do premio semella estar concitando, dada a cantidade de textos recibidos”. Sobre a obra gañadora, e sen coñecer aínda quen era o seu autor, o xurado destacou “ademais da súa alta calidade teatral, a vontade explícita que propón para a súa representabilidade, cuestión que vén definida tanto polo razoable número de personaxes, catro intérpretes, como a economía de medios con que pode
ser resolto o espazo escénico”.
Así mesmo, en “Só un home bo” o xurado recoñece “unha voz dramática firme e poderosa, unha autoría solidísima, cun uso da lingua limpo e rotundo. É tamén necesario ponderar a sabia disposición do entramado escénico que logra relacionar o ritmo do argumento co tempo do discurso”. Finalmente, o xurado felicita a feliz iniciativa deste Premio, desexando unha longa vida para a cultura en tan “infaustos tempos”.
Homenaxe a Manuel Quintáns
Ademais de Roberto Vidal Bolaño e Raúl Dans, un terceiro nome estivo presente nos discursos desta mañá en Brión: Manuel Quintáns, profesor e crítico teatral falecido recentemente e que recibiu unha cariñosa ovación por parte das trinta persoas que asistiron ao acto, entre as que estaba xente do teatro como Laura Ponte, Quico Cadaval, Lucho Penabade, Moncho Vieiro ou Francisco Núñez, director do Centro Dramático Galego.
A primeira ovación chegou coa presentación do acto por parte de Alberto Álvarez, técnico de Cultura de Brión, quen lembrou que “o último libro que presentamos nesta sala antes do confinamento foi “Roberto Vidal Bolaño. Unha poética teatral xenuinamente galega”, do profesor Manuel Quintáns, que de seguro non tería faltado hoxe a esta cita”. Manuel Guede destacou del que “foi un fino espectador do teatro galego. Durante un tempo fixo crítica teatral en El Correo Galego e Galicia Hoxe e o seu era un ollar sobre os espectáculos ordenado, sensible, sen acritudes, elegante… como el era. Coa ausencia da súa voz, hoxe non hai crítica teatral neste país”.
O gañador
Raúl Dans (A Coruña, 1964) é autor teatral, guionista e actor de dobraxe. Coa súa primeira obra, “Matalobos”, gañou o Premio Rafael Dieste de Teatro (1993). Un ano despois gañou o Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais con “Lugar”, estreada polo Centro Dramático Galego en 1999. Outras das súas obras son “Derrota” (XXII Premi Born de Teatre, 1997), “Estrema” (1998), “A chamada” (2001), “Nachtmahr” (2008), “Chegamos despois a unha terra gris” (Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais 2010 e Premio AELG de Teatro 2011), “As cancións que lles cantaban aos cativos” (Premio SGAE de Teatro Jardiel Poncela 2015) e o ensaio “Confesións dun practicante. As aventuras dun
dramaturgo en Galicia” (2004).

Creador, argumentista e dialoguista de series de ficción para Televisión de Galicia (“A miña sogra e máis eu”, “Pratos combinados”, “A vida por diante”, “Padre Casares”…), Dans obtivo o Premio Mestre Mateo de Guión por “Terra de Miranda” (2003) e “As leis de Celavella” (2005). Raúl Dans sucede no palmarés do Premio Laudamuco ao lucense Xavier Lama López, gañador da primeira edición.