Xoves 29 de Outubro de 2020

O Pleno de Lousame aumenta do 20 ao 100% a bonificación por segundo e sucesivos irmáns no Punto de Atención á Infancia


Aprobados os festivos locais para 2021: San Xoán (24 de xuño) e San Lourenzo (10 de agosto)

O Pleno municipal de Lousame celebrou na noite de onte venres a súa sesión plenaria ordinaria de setembro que, na súa parte dispositiva, aprobou por unanimidade unha modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa do Punto de Atención á Infancia (PAI) para introducir unha bonificación do 100% para o segundo e sucesivos irmáns/irmás, tal e como está a aplicar a Xunta de Galicia. Neste sentido, a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, lembrou que “ata o de agora no Concello tiñamos unha bonificación do 20%, que agora pasa a ser do 100%”.
Tampouco houbo debate na aprobación dos festivos locais para 2021: San Xoán (24 de xuño) e San Lourenzo (10 de agosto), se ben no foi aprobado por unanimidade, senón con dúas abstencións do BNG e dunha edil do PSOE. A unanimidade repetiuse na aprobación das actas de sesións anteriores e na aprobación da Conta Xeral de 2019, presentada polo Grupo de Goberno como moción urxente. A conta foi aprobada sen ningún tipo de debate e agora será rendida en tempo e forma para a súa fiscalización polo Consello e o Tribunal de Contas.
Mocións
Os tres grupos municipais aprobaron por unanimidade unha moción do BNG sobre melloras na seguridade viaria da DP-1105 Noia-Boiro, que remataron emendando para convertela nunha moción conxunta dos tres partidos. O voceiro do BNG, Anxo Moledo, pediu a instalación de reflectores e unha maior iluminación na estrada, instando á Deputación “a mellorar a seguridade deste estrada e traballar conxuntamente cos concellos”, ao tempo que instou tamén á Xunta a mellorar as conexións Noia-Boiro.
O grupo de Goberno fixo varias correccións sobre a moción inicial que, tal e como asegurou o voceiro socialista “tal e como se presentou demostra que está feita para Noia”. Un punto no que coincidiu Teresa Villaverde, quen lembrou que “Lousame tamén existe. Está ben que se pidan beirarrúas en Noia, pero este mesmo problema tamén existe en Lousame dende o Campo de Rodas ata Tállara”. Incluso destacou “un tramo duns 100 metros sen beirarrúas e no que non hai por onde ir”.
O grupo municipal socialista deu lectura a un manifesto pola conmemoración o 23 de setembro do Día contra a explotación sexual e trata de mulleres, nenas e nenos. Así mesmo, aprobou unha moción tipo sobre o custe das desinfección realizadas nos centros educativos. O voceiro socialista, Julio Paradela, instou á Xunta de Galicia a compensar ao Concello de Lousame polos gastos extraordinarios de limpeza e desinfección dos centros educativos de titularidade autonómica, ao tempo que se interesaba polo importe abonado.
Teresa Villaverde lembroulle ao concelleiro que “Lousame ten un centro público integrado, é dicir, que a limpeza que tiña o Concello foi asumida pola Consellería, ao igual que asumiu o gasto do gasóleo para calefacción”. Así mesmo, explicou que os investimentos realizados polo Concello no CPI Cernadas de Castro consistiron na construción dunha porta no comedor para evitar que alumnos e alumnas de distintas idades se mesture e “unha obra que tiñamos pendente como é a primeira fase de reparación do pavimento entre o edificio de infantil e a fachada principal. Acometeremos o resto do terreo por fases”.
Porén, a alcaldesa adiantou que “se o colexio necesita do noso apoio, o van ter. Nós imos acudir ao colexio como xa fixemos e seguiremos facendo a outros lugares non municipais como a farmacia, porque é un deber para cos veciños e veciñas que transitan por estes lugares”. A moción foi aprobada cos 3 votos a favor do PSOE, un voto en contra do PP e as abstencións do BNG e dos demais concelleiros/as do PP.
Partido Popular e PSOE votaron en contra dunha moción do BNG sobre a protección dos muíños a carón do río Lobo, ao entenderen que iso xa fora tratado na sesión extraordinaria anterior, na que a corporación aprobara por unanimidade desistir do expediente “Sendeiro dende a ponte de Abelendo a Carabeiras” para mellorar o proxecto técnico. “Imos corrixir os erros e facer un novo procedemento. E imos instar a Patrimonio a que visiten os elementos deste río e os cataloguen como elementos patrimoniais”.
Finalmente, tamén saíu adiante outra moción do BNG comarcal co único voto a favor de Anxo Moledo, quen fixo cambio na proposta para evitar o rexeitamento da mesma. A moción facía referencia ás balsas que conteñen residuos mineiros de San Finx, sobre as que lle pide á Dirección Xeral de Minas “que obrigue á concesionaria a desmantelalas e proceder á súa restauración ambiental”, así como a que a Xunta asuma a execución subsidiaria das obras en caso de que a concesionaria non o fixera.
A alcaldesa de Lousame lembrou que “pola información que eu teño, estase dilucidando de quen é a presa”. Un punto no que coincidiu o socialista Julio Paradela, quen asegurou que “non se pode obrigar a unha empresa a facer un gasto sobre algo que non sabemos que é da súa titularidade. Mentres non se resolva iso, non ha lugar ao resto”. Diante desta situación, o voceiro do BNG retirou eses puntos, quedando aprobada unha moción que insta á Xunta de Galicia a informar sobre a situación actual das presas.