Sábado 28 de Novembro de 2020

O Concello de Lousame organiza unha “escape room” baseada en Harry Potter e un concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona


A asistencia é gratuíta, con aforo limitado polo que é preciso reservar praza na Casa da Cultura antes do venres 9 de outubro

O Concello de Lousame organiza esta fin de semana do 17 e 18 deoutubro dúas actividades dirixidas a un público infantil: unha novidosa “escape room” baseada nunha das novelas de Harry Potter e un concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona. Dous espectáculos gratuítos pero de aforo limitado debido á Covid-19, polo que os veciños e veciñas que desexen asistir a algún deles deberán reservar a súa entrada na Casa da Cultura de Lousame (981 825 780).
Así, o Concello de Lousame celebrará este sábado 17 de outubro “Atrapados con Harry Potter”, un novidoso obradoiro creativo dirixido a nenos e nenas de 7 anos en adiante. A concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, explica que “trátase dunha escape room, unha das actividades de lecer máis puxantes nestes momentos entre o público novo. A dinámica é moi sinxela: as persoas que participen serán encerradas nun espazo cunha decoración inspirada na novela Harry Potter e o cáliz de lume e terán que axudar ao novo mago a fuxir desa habitación na que está atrapado a través da resolución de distintos enigmas”.
Para facilitar a participación do maior número de rapaces e rapazas de Lousame, o Concello organizará tres sesións: ás 17:00, 18:00 e 19:00 horas. Unha actividade de 45 minutos que terá lugar na Casa da Cultura para conmemorar o Día da Biblioteca 2020, organizada polo Concello de Lousame en colaboración co programa Ler conta moito da Xunta de Galicia.

Concerto infantil
Para o domingo 18 de outubro, ás 18:00 horas, queda o concerto infantil “Astronauta sideral”, do grupo Uxía Lambona e a Banda Molona. Para aumentar o aforo, o concerto non terá lugar no auditorio da Casa da Cultura senón no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra, ata onde poderán achegarse un máximo de cen persoas. “Astronauta sideral” é o terceiro disco desta banda musical infantil nacida no ano 2014 e que ten como obxectivo facer cantar e bailar a todos os nenos e nenas que se acheguen ao polideportivo lousamiá.
Como nos seus anteriores traballo, o equipo de Troula Animación SL achegará á rapazada de Lousame unha selección de música tradicional galega dun xeito atractivo e divertido, cambiando as letras e os estilos musicais, mesturándoos con intervencións cómicas, mascotas e outras sorpresas.