Xoves 22 de Outubro de 2020

Rey: «A nosa obriga é defender a cidade e con ela a un dos seus grandes símbolos, o Dépor»


Esta mañá a alcaldesa, Inés Rey, e a concelleira de Deportes, Mónica Martínez, visitaron a Cidade Deportiva de Abegondo para presenciar o último adestramento do RC Deportivo antes do inicio da tempada

A alcaldesa, Inés Rey, e a concelleira de Deportes, Mónica Martínez, visitaron a Cidade Deportiva de Abegondo para presenciar o último adestramento do RC Deportivo antes do inicio da tempada, que comeza mañá co partido que xogará o equipo branquiazul co Salamanca ás 19.00 h no Estadio de Riazor.

Na visita a alcaldesa sinalou que «A nosa obriga é defender a cidade e con ela a un dos seus grandes símbolos, o Dépor». Rey quíxolles desexar “moita sorte en nome de toda a cidade neste inicio de tempada. Quixera apelar a ese espírito de unión dos últimos meses, da cidade, o equipo, a afección. Conseguistes que todos nos uníramos cun mesmo obxectivo. O acontecido serviu para darnos conta de que xuntos podemos loitar. Sen dúbida, sodes unha das marcas máis importantes da cidade e por iso imos estar sempre con vós».

«A admirable resposta da afección, con máis de 20.000 socios e socias, demostra unha vez máis que na Coruña e no deportivismo movémonos por valores moi distintos aos daqueles que quixeron manchar o noso nome. A renovada ilusión coa que enfrontamos esta nova tempada non só nos confirma como unha cidade e unha afección excepcional, senón que ademais servirá de recordatorio permanente de que o Dépor é un sentimento que vai máis alá dos resultados» asegurou a rexedora.

A maiores, a alcaldesa mostrou o seu «total convencemento de que tanto o club como as persoas que mañá acudan a Riazor darán un exemplo de bo comportamento ante a difícil situación sanitaria que vivimos. “Conto con que nin dentro do estadio nin nos arredores veremos imaxes impropias destes tempos. Seremos exemplo de fidelidade ás cores e tamén de responsabilidade».

Por último, Inés Rey destacou a importancia socio-económica do Dépor, que «fará que mañá un partido de Segunda B vaia ser seguido en todo o mundo» así como asegurou que «o informe da Cámara de Comercio, que cifra en tres millóns de euros as perdas ocasionadas polo Caso Fuenlabrada, demostra que o Goberno local actuou correctamente ao iniciar accións legais contra LaLiga e o club madrileño», concluíu.

Deja un comentario