Xoves 22 de Outubro de 2020

O concello comeza mañá os labores de limpeza dos túneles da cidade


Os subterráneos de María Pita-Mariña-Parrote, da praza de Pontevedra, da Terceira Rolda e Eduardo Díz permanecerán pechados ao tráfico polas noites até o 23 de outubro

O concello comeza maña luns os traballos de limpeza nos túneles de María Pita, Mariña- Parrote, da praza de Pontevedra, Eduardo Diz e da Terceira Rolda. Os labores desenvolveranse ata o venres día 23.
Co fin de lle reducir as molestias á veciñanza, as actuacións realizaranse en horario nocturno, de 23.00 a 7.00 horas, e requirirán o peche dos túneles. Para estes traballos, utilizaranse dous vehículos especializados, deterxentes biodegradables e unha cantidade de 60 metros cúbicos de auga. Os labores realízanse dentro do contrato do Servizo de mantemento e conservación de túneles na cidade da Coruña,
adxudicado á empresa ESYCSA.
Os traballos consisten en limpar os paramentos verticais, que resultan especialmente sensibles á sucidade que xera o tráfico neles, e están destinados a asegurar un nivel adecuado de calidade e confort para as persoas usuarias.
Baixo a coordinación do Servizo de Mobilidade e da Policía Local vanse efectuar distintos peches de túnel programados, con desvíos sinalizados de tráfico, que permitan acometer os traballos en condicións de seguridade sen ocasionar incidencias severas na mobilidade nocturna da cidade.
Para executar as tarefas contarase con catro oficiais e dous vehículos especializados. A limpeza realízase desde os vehículos en movemento, a unha velocidade aproximada de 10 km/h, circulando en convoi a unha distancia de cincuenta metros aproximadamente. O primeiro lugar circulará un vehículo lixeiro
tipo pick-up con remolque, equipado cun depósito de 1.000 litros, bomba de auga de alta presión e quentador para aplicar auga quente, que pulverizará unha mestura de auga e de deterxente biodegradable.
En segundo lugar, circulará un camión deseñado especialmente para traballos de limpeza en túneles, dotado dun depósito de 15.000 litros de auga e dun grupo de alta presión que a proxectará a través de 4 regadores rotativos de 1 metro de diámetro. Tras a limpeza, a mestura de auga, deterxente e sucidade será drenada á rede de augas fecais da cidade mediante dous sistemas de bombeo auxiliares deseñados expresamente para este labor, asegurando así que vaia a EDAR BENS sen que haxa ningún tipo de vertedura ao mar.
No caso do tritúnel, en todo momento manterase o acceso e a saída do aparcadoiro da praza de María Pita pola entrada ao túnel da praza das Atochas, e mediante semáforos auxiliares regularase a circulación nese tramo. Unha vez que a calzada estea seca e/ou sen riscos de esvarar poderase reabrir ao tráfico.
Noite do 19 de outubro:
– Corte total do túnel de María Pita-Mariña-Parrote desde as 23.00 horas ás 07.00 horas excepto para entrada e saída do aparcadoiro de María Pita pola boca da Mariña. O acceso ao aparcadoiro do Parrote será por superficie.
– Ás 07.00 horas restablecerase o tráfico en todo o sistema de túneles.
Noite do 20 de outubro:
– Corte total do túnel de María Pita-Mariña-Parrote desde as 23.00 horas ás 07.00 horas excepto para o aparcadoiro de María Pita, que permanecerá con entrada e saída pola boca da praza das Atochas. O acceso ao aparcadoiro do Parrote será por superficie.
– Corte total do túnel da praza de Pontevedra desde as 23.00 horas ata as 02.00 horas
– Estreitamento de calzadas no túnel da Terceira Rolda desde as 02.00 horas ata as 06.00 horas, con tráfico habilitado cara a ambos os sentidos do túnel.
– Ás 07.00 horas restablecerase o tráfico en todo o sistema de túneles.
Noite do 21 e 22 de outubro:
-Corte total do túnel María Pita-Mariña-Parrote desde as 23.00 horas ás 07.00 horas excepto para o aparcadoiro de María Pita, que permanecerá con entrada e saída pola boca da praza das Atochas. O acceso ao aparcadoiro do Parrote será por superficie.
– Corte total do túnel de Eduardo Diz (accesos pola rúa Severo Ochoa e avenida de San Cristovo) desde as 23.00 horas ata as 04.00 horas.
– Ás 07.00 horas restablecerase o tráfico en todo o sistema de túneles.

Deja un comentario