Venres 27 de Novembro de 2020

Camariñas pretende implantar o autocompostaxe en 200 vivendas


Iníciase o proxecto ‘Compostaxe doméstica nas vivendas do Concello de Camariñas 2020-2021’.

Camariñas inicia o proxecto “Compostaxe Doméstica nas vivendas do Concello de Camariñas 2020-2021”. Este proxecto continúa coas campañas de compostaxe que se realizaron nos últimos anos e a finalidade nestas anualidades é a implantación da autocompostaxe en 200 vivendas, que dispoñan de terreo ou espazo apto para esta actividade.
Tamén se creará unha rede de ‘Compostaxe de Camariñas’ para promover a concienciación e intercambio entre compostadores locais ao través dunha¡ canle de comunicación por telefonía móbil e un encontro anual para a visibilización de boas prácticas locais.
Nas próximas semanas realizarase unha campaña de información e captación porta a porta polas parroquias do Concello. As persoas  informadoras explicarán á cidadanía os valores da autocompostaxe de residuos domésticos e inscribirán ás vivendas que desexen participar.
Neste programa recibirán composteiros gratuítos e apoio e formación continuado por persoal especializado.
O programa Compostaxe doméstica nas vivendas do Concello de Camariñas encadrase na política de loita contra o cambio climático e súmase aos beneficios ambientais asociados aos obxectivos de xestión de residuos. Para o desenvolvemento das actividades para este 2020-2021 o Concello contará
cunha axuda da Xunta de Galicia.
A implantación de compostaxe in situ e especificamente a autocompostaxe doméstica é unha estratexia de redución de biorresiduos en orixe e ademais xera compost de calidade para o solo contribuíndo á mellora da fertilidade, aforro de recursos e redución de carbono.
As persoas interesadas en participar nesta iniciativa poden inscribirse na Axencia de Desenvolvemento Local de Camariñas, na Casa de Pedra de Camariñas (teléfono 981 737 004, correo electrónico
medioambiente@camarinas.net)