Venres 27 de Novembro de 2020

Camariñas lanza un concurso de creación literaria dirixido a escolares para conmemorar o Samaín


A iniciativa, titulada ‘Contos de medo!!! Camariñas 2020’ será a única acción que se poida levar a cabo polo Samaín debido ao contexto sanitario actual.

O Concello de Camariñas inicia o concurso ‘Contos de medo!!! Camariñas 2020’, unha iniciativa dirixida á comunidade educativa que nace co obxectivo de fomentar a creación literaria e o gusto pola literatura de terror á vez que se conmemora a festividade do Samaín.
Poderán participar tódalas persoas que cursen estudos de educación infantil, primaria e secundaria nalgún dos centros educativos do concello ouresidentes en Camariñas que cursen estudos noutro municipio. O prazo de entrega de orixinais remata o próximo luns, 2 de novembro, e os gañadores coñeceranse a través da web e redes sociais do Concello.
As obras serán individuais, en prosa ou en verso e de tema e extensión libre, coa excepción das persoas que cursen estudos en educación infantil que presentarán un traballo colectivo. Terán que ser orixinais, inéditas e escritas en lingua galega ou castelá.
Repartiranse un total de 330 euros en premios, que consisten en bonos para cambiar por calquera artigo nos establecementos do Concello de Camariñas e segundo as seguintes categorías: 80 euros para o melllor traballo colectivo de Educación Infantil, 30 euros para o mellor relato ou poema de terror do 1º ciclo de primaria, 30 euros para o do 2º ciclo de primaria, 30 euros para o do 3º ciclo de primaria, 80 euros para o do 1º ciclo de secundaria e 80 euros para o do 2º ciclo de secundaria.
A concelleira de Cultura, Encarna Liñeiro, pediu a colaboración do profesorado “ara que saia todo ben e contribuír a lograr o obxectivo da actividade, que é fomentar a escritura e a creatividade entre os rapaces e rapaces de Camariñas á vez que se mantén viva a tradición do Samaín”.

Ademais, destacou que “sabemos que está a ser un ano difícil en todos os sentidos e, aínda que non poderemos facer as habituais actividades, obradoiros ou actuacións que se facían polo Samaín, cremos que esta acción pode axudar a que o estudantado perciba unha certa ‘normalidade’ no curso escolar.