Sábado 28 de Novembro de 2020

Gonzalo Trenor visita o obradoiro de emprego de Lousame-Noia que forma a 20 alumnos en aproveitamentos forestais grazas a un investimento de máis de 480.000€


O delegado da Xunta na Coruña e a alcaldesa supervisaron o avance dos traballos nas parcelas seleccionadas que rematarán antes de final de ano

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, visitaron aos alumnos do obradoiro de emprego Lousame-Noia 2019 que están rematando a súa formación na súa primeira visita oficial a este Concello. En Lousame estase a impartir un curso de formación para 20
alumnos en aproveitamentos forestais. A Xunta inviste neste curso máis de 480.000 euros.

No caso concreto desta especialidade os alumnos están levando a cabo actuacións nasparcelas da Silva, Aldeagrande, Bouciñas-Brandía, San Lourenco-San Mamede en Lousame e no polígono de Noia.
Este ano, os obradoiros que deberían estar rematados en xuño, tras a súa paralización polo confinamento, afrontan agora a súa etapa final de formación que rematarán a finais de ano. Concretamente, na comarca do Barbanza estanse levando a cabo un total de 5 talleres, 3 deles de carácter dual, (onde participarán alumnos e alumnas de calquera idade) e 2 de garantía xuvenil, para mozos e mozas menores de 30 anos. Mediante estas iniciativas a Consellería de Emprego e Igualdade está investindo en políticas activas de emprego na comarca máis de 1.500.000 euros.
Os obradoiros duais teñen lugar en Lousame, compartido con Noia en Rianxo e en Ribeira. Pola súa banda, os obradoiros do garantía xuvenil, estanse impartindo en Muros, compartido con Carnota e no concello de Boiro.
Estes obradoiros están permitindo que un total de 82 persoas desempregadas se formen nun oficio mentres realizan tarefas en beneficio de espazos e instalacións públicas. Os participantes reciben un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.
A principal novidade é que os participantes nos obradoiros duais poden combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, cun contrato en prácticas, de como mínimo tres meses máis, nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro. O obxectivo é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente os do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación.
Os obradoiros céntranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral. Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios recibirán formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos.