Mércores 25 de Novembro de 2020

Cariño destina 8.000 euros a unha liña de axudas para sufragar as actividades culturais, educativas e deportivas


O prazo de presentación de solicitudes finaliza o 9 de novembro.

O BOP publica hoxe unha convocatoria de axudas por parte do Concello de Cariño para sufragar o custo da inscrición nas actividades culturais, educativas e deportivas municipais. Esta liña, que conta cun orzamento de 8.000 euros, está dirixida aos alumnos e alumnas empadroados e escolarizados en Cariño.
Poderán beneficiarse aquelas familias con menor poder adquisitivo do municipio que teñan fillos e/ou fillas que estean a cursar educación infantil, primaria, secundaria ou bacharelato. A participación nesta convocatoria non é compatible con calquera outra axuda que perciban polo mesmo concepto.
Os requisitos para participar son ter uns ingresos superiores ao importe do 1,5 do IPREM por unidade familiar composta por dous membros que se incrementará nun 10% por cada membro, estar empadroado en Cariño e estar matriculado nos centros educativos do municipio.
O Concello de Cariño subvencionará un máximo de tres actividades por neno ou nena. Segundo a dispoñibilidade orzamentaria, a axuda poderá cubrir ata o 100% do custo da actividade pero, se os fondos dispoñibles non son suficientes para subvencionar a totalidade das solicitudes, terán prioridade aquelas con menor renda per cápita da unidade familiar.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde mañá, mércores 21 de outubro, e finalizará o 9 de novembro. O obxectivo do goberno local coa publicación destas axudas é garantir o acceso de todas as familias que o desexen ao ámbito da cultura, a educación e o deporte.