Venres 27 de Novembro de 2020

O Concello apoia unha plataforma pioneira a nivel mundial que conectará a demanda e a oferta de empresas que apostan pola economía verde


A concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, participou no lanzamento desta iniciativa que agrupará as empresas que priorizan a sustentabilidade para estudar o seu potencial como fonte de emprego e crecemento económico

A concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, participou esta semana no lanzamento da Plataforma Empresarial Connecting Nature, en que o Concello será socio clave. Esta ferramenta ten como obxectivo conectar directamente a demanda do mercado mundial de solucións baseadas na natureza coa oferta, isto é, coas empresas innovadoras que priorizan a sustentabilidade do planeta. As entidades implicadas na iniciativa son conscientes de que aínda non se exploraron suficientemente os beneficios de cubertas e
paredes verdes, sistemas de drenaxe sustentables, tratamentos naturais de augas residuais ou de zonas húmidas artificiais e promoverán o potencial das firmas que traballan nestes avances como un sector industrial emerxente.

A plataforma creouse a partir dunha colaboración entre o Trinity College de Dublín e o University College de Dublin co fin de investigar a valía destas empresas comprometidas coa natureza para contribuíren á futura economía de cero emisións netas. Parten da premisa de que ao agruparen a estas compañías baixo unha denominación común, poderase apreciar todo o que supoñen como fonte de emprego e de crecemento económico sustentable.

Coordinado polo Trinity College Dublin, Connecting Nature é un proxecto europeo Horizon 2020 que recibe o apoio da ONU e a CE e no que se investiron 12 millóns de euros en cinco anos para desenvolver a resiliencia climática nas cidades baseándose nestas solucións. O obstáculo principal é que non existen provedores cualificados e experimentados dabondo como para cubrir a demanda actual. Por iso, están explorando un novo campo de investigación sobre a capacidade que poden ter as empresas privadas para colmaren esa puxanza da poboación.

A raíz desta investigación e coa colaboración con Horizon Nua, unha organización sen fins de lucro con sede en Dublín, xurdiu a Plataforma Empresarial Connecting Nature, en que está implicado o concello co fin de conectar a aposta do mercado mundial por produtos que favorezan a economía verde con empresas innovadoras que van por ese camiño.