Mércores 25 de Novembro de 2020

O Concello de Miño celebrará Samaín cun concurso de creación de cabazas, que se expoñerán na Fraga do Xarío


Os interesados ou interesadas en participar poden inscribirse desde hoxe, luns 26 de outubro, ata o xoves 29 de outubro.

O Concello de Miño deseñou unha actividade para celebrar Samaín de forma segura e adaptándose ás restricións que marca o contexto sanitario actual. A acción, denominada ‘ Cabazas na Fraga do Xarío’, consiste nun concurso de creación de cabazas para logo expoñelas durante a fin de semana no paseo da Fraga do Xarío.
O único requisito para participar é ter máis de 18 anos e o prazo para anotarse estará aberto desde hoxe, luns 26 de outubro, ata o xoves 29 de outubro. Os interesados ou interesadas poden facelo no correo cultura.deportes@concellodemino.gal ou nos teléfonos 981 782 659e 981 784 405. Cada participante só poderá presentar unha cabaza e non se poderá utilizar ningún tipo de vela, cirio, ou iluminación que implique chama ou lume, nin natural nin artificial.
O venres 30 de outubro as persoas participantes terán que levar a súa cabaza ata a senda da Fraga do Xarío, nun horario que convirá a organización previamente. Alí serán colocadas nuns troncos de madeira, numeradas e fotografadas para a súa posterior valoración, e permanecerán durante toda a fin de semana, ata o luns 2 de novembro, para que os veciños e veciñas de Miño gocen dun paseo na natureza e da creatividade das cabazas.