Mércores 25 de Novembro de 2020

Finaliza a exposición ‘De Anantapur a Camelle, pasando por el Mediterráneo’ no Museo Man


Dúas das pezas da mostra foron doadas ao centro e permanecerán expostas.
A exposición ‘De Anantapur a Camelle, pasando por el Mediterráneo’ pechou as súas portas. Abandona o Museo Man de Camelle despois dun mes no que foron moitos os visitantes que se achegaron para desfrutar do traballo artístico da III Ruta da Arte de Anantapur, un proxecto solidario que dá visibilidade ao traballo da Fundación Vicente Ferrer a través da creación plástica.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, agradeceu ao Institut d’ Estudis Baleàrics do Gobern de les Illes Balears a súa aportación xa que “sen a súa axuda sería imposible que puidésemos gozar desta importante mostra no Museo de Man”.
Desde o museo e desde o Concello tamén quixeron agradecer a xenerosidade dos artistas participantes, que decidiron doar dúas pezas coas que se iniciará a colección propia do centro. Unha é a peza de Alberta Pinya (Premio Arco 2014), consistente nunha creación performática do autor
fotografiada por Rif Sphani reinterpetando a Mandfred, e a outra é unha caricatura de Mandfred de Cristina Torbellina.
A exposición poderá verse proximamente na sede da Universidad de las Islas Baleares no antigo palacio de Can Oleo do casco antigo de Palma.