Venres 27 de Novembro de 2020

O Concello de Miño avanza con ADIF na tramitación de varias infraestruturas


Manuel Vázquez Faraldo reuniuse de forma telemática coa presidenta do ente ferrorivario, Isabel Pardo de Beira.

O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, mantivo unha reunión coa presidenta da Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), Isabel Pardo de Beira. O encontro, que levou a cabo de forma telemática, serviu para tratar e avanzar na tramitación de varios asuntos de interese para o Concello.
Vázquez Faraldo puxo sobre a mesa a necesidade de axilizar diferentes autorizacións sectoriais que actualmente están pendentes de recibir o visto e prace de ADIF e que son necesarias para acometer diferentes obras municipais que se atopan no territorio de afección ferroviaria, ao ser Miño un municipio atravesado por unha vía de tren.
Entre outros asuntos, o rexedor tamén lle expuxo á máxima responsable do organismo ferroviario varias propostas de actuacións necesarias en varios puntos da vía do tren ao seu paso polo concello.
Ao finalizar o encontro Manuel Vázquez Farlado quixo agradecer a Isabel Pardo de Beira “a súa dispoñibilidade e a súa predisposición ao aceptar a reunión”, que valorou como “moi produtiva” e expresou o seu desexo de que “se poidan solucionar todos estes trámites o antes posibles para acometer unha serie de traballos que pensamos que son necesarios para mellorar as infraestruturas do municipio”.