Venres 27 de Novembro de 2020

A Pobra implanta medidas para o Día de Tódolos Santos co obxectivo de garanti-la seguridade e saúde pública fronte á COVID-19


O Concello da Pobra do Caramiñal informa de que para o 1 de novembro, Día de Tódolos Santos, se implantarán medidas nos cemiterios coa finalidade de garanti-la seguridade e saúde pública fronte á COVID-19.
Neste senso, instalaranse nos accesos aos 5 camposantos carteis coas seguintes indicacións: cabida máxima, permanecer un máximo de media hora, horario, uso obrigatorio da máscara, obrigatoriedade de utilizar xel hidroalcohólico, obrigatoriedade de mante-la distancia de seguridade interpersoal, grupo máximo de 4 persoas, obrigatoriedade de segui-los itinerarios de circulación de persoas e obrigatoriedade de circular pola dereita dos corredores. Ademais, colocaranse dispensadores de xel hidroalcohólico e sinalizaranse as entradas e saídas para que, na medida do posible, sexan independentes.
Máis polo miúdo, infórmase de que a cabida máxima do cemiterio do Caramiñal é de 300 persoas; para o do Castelo, de 300; para o de Santo Isidro, de 200; para o de Santa Cruz (onda a igrexa), de 75, e doutras 75 para o que hai ao outro lado da estrada; e para o do Xobre, de 200.
Tamén hai que indicar que o tráfico rodado pola estrada ata a porta do Castelo estará prohibido, agás para persoas con mobilidade reducida, coa finalidade de evitar aglomeracións.
Cómpre lembrar que a titularidade dos cemiterios con que conta o termo municipal recae na Igrexa, polo que dende a Administración local mantiveron reunións cos párrocos para dar traslado do protocolo que se instaurará.
Así mesmo, artellarase un dispositivo especial para a vixilancia e control, contando para tal fin coa Protección Civil da Pobra e Policía local.