Venres 27 de Novembro de 2020

O Concello pon en marcha un plan formativo contra as violencias machistas


Os cursos, que se desenvolverán en modalidade presencial e en liña durante este ano e o próximo, están dirixidos á cidadanía e ás empresas do ámbito da hostalaría e medios de comunicación

O Concello da Coruña a través da Concellaría de Igualdade, Benestar Social e Participación continúa a desenvolver accións no marco de Pacto Social por unha Coruña Libre de Violencias Machistas. Entre estas accións destaca a posta en marcha dun plan formativo de carácter gratuíto relacionado coas violencias machistas dirixido á cidadanía, ás empresas que formen parte dos ámbitos da hostalaría. ocio nocturno e medios de comunicación, e ás entidades do tecido social da cidade adheridas ao Pacto Social.

Para a concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, “con este programa búscase sensibilizar sobre a importancia do papel que cada persoa pode desenvolver para erradicar as violencias machistas na súa contorna”. Iniciativas deste tipo, dixo Neira, forma parte das políticas sociais e de igualdade que o Goberno local está a desenvolver.
O plan consta dun curso básico de igualdade e prevención das violencias machistas e catro cursos específicos que abordan accións concretas para poñer en práctica nos distintos ámbitos citados con anterioridade. A duración dos cursos será de catro horas e as prazas son limitadas.

-Curso básico de igualdade e prevención das violencias machistas. Para poderse inscribir neste curso é necesario adherirse ao Pacto Social. No curso veranse os conceptos clave para comprender o fenómeno.
-Cursos específicos:
Intervención dende a hostalería fronte ás violencias machistas.
Intervención dende os locais de ocio nocturno fronte ás violencias machistas.
Intervención dende o tecido asociativo fronte ás violencias machistas.
Intervención dende os medios de comunicación fronte ás violencias machistas.

O plan formativo desenvolverase durante os anos 2020 e 2021 nas modalidades en liña e presencial. A primeira edición do curso básico en liña abrirase o 9 de novembro e cerrarase o 29 de novembro, mentres que a segunda edición abrirase o 30 de novembro e cerrarase o 20 de decembro. O curso básico presencial contará con dúas edicións; a primeira do 17 e 18 de novembro, das 18.30 horas ás 20.30 horas, e a segunda do 24 e 25 de novembro das 18.30 horas ás 20.30 horas.

As datas doutras edicións publicaranse na páxina web

https://www.coruna.gal/igualdade/gl/programas-e-actividades/pacto-contra-as-violencias- machistas e nas redes sociais. As persoas que estean interesadas en realizar estes cursos poderanse inscribir a través da páxina web e nas redes ou cubrindo un formulario a través do código QR que aparece na contraportada do folleto do plan formativo.

O Concello da Coruña expedirá un diploma acreditativo da formación a través da concellaría competente na materia.