Venres 27 de Novembro de 2020

Román Rodríguez avanza que a Xunta impulsará a dixitalización dos museos na nova lei que inicia a súa tramitación parlamentaria


O representante do Goberno galego aposta polas actividades culturais seguras na apertura da nova mostra do Museo de Belas Artes da Coruña
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, inaugurou hoxe no Museo de Belas Artes a exposición Vestir épocas 1860-1960 visitable ata o vindeiro mes de marzo e que recolle máis de 300 pezas procedentes da colección téxtil da familia González-Moro que dialogan coas obras da colección propio do museo co obxectivo de mostrar os usos e costumes de 100 anos de historia a través dos traxes, pezas de indumentaria e complementos.
Durante a inauguración da mostra, o titular de Cultura, que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor, subliñou que os museos xogan un papel fundamental no sector cultural. “Galicia conta con preto dun cento de institucións museísticas que supoñen unha porta á cultura desde a que evadirse e ensanchar os nosos coñecementos”, afirmou. Nesta liña, tal e como manifestou, faise “máis necesario que nunca” contar cunha lei de museos e outros centros museísticos de Galicia que permita a xestión coordinada de todas as dotacións culturais. “Xa demos os primeiros
pasos para sacar esta lei adiante, pero agora que inicia a súa tramitación parlamentaria, cómpre actualizala para que teña en conta as actuais circunstancias da pandemia poñendo o foco no acceso á cultura, na dixitalización e nas novas tecnoloxías”, explicou.
Román Rodríguez subliñou, ademais, a importancia de programar propostas de cultura segura para non deter a promoción, difusión e divulgación da cultura. “Non podemos perder a oportunidade de reiterar que á cultura é segura e que debemos seguir traballando para ofrecer alternativas de alta calidade como a que hoxe inauguramos e que conta con todas as medidas de seguridade e prevención necesarias”, salientou.
Percorrido de máis de 100 anos
O proxecto expositivo, desenvolto baixo a coordinación do Museo de Belas Artes da Coruña e que conta co comisariado do arquitecto Fernando Agrasar e do especialista en moda Román Padín, abarca 100 anos de creación en prendas de vestir pertencentes a familia coruñesa González-Moro. Trátase de pezas de grande beleza, prodixio técnico, singularidade e relevancia histórica que se poñen en diálogo e relación coas obras de arte da colección permanente do museo tendo en conta a súa iconografía, época e uso.

Cómpre destacar tamén que meirande parte das pezas de Vestir épocas foron confeccionadas principalmente en Galicia e que reflicten o nacemento da confección en serie, o traballo dos modistas e xastres así como a moda urbana, local e cosmopolita, artesán e industriosa do momento tomando como perspectiva o traxe e dirixindo a mirada a unha manifestación cultural como a moda que continúa vixente na nosa contemporaneidade.