Venres 27 de Novembro de 2020

Villoslada: “É o momento de quea cidade empece a mirar o litoral pola ría”


O concelleiro de Urbanismo anunciou a decisión de levar adiante unha proposta no pleno do vindeiro xoves para suspender a tramitación dos instrumentos de planeamento e licenzas urbanísticas no ámbito do PXOM que corresponde á fronte da ría do Burgo

O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, anunciou este mediodía a decisión do Goberno municipal para levar adiante un acordo que permita suspender a tramitación dos instrumentos de planeamento e licenzas urbanísticas no ámbito do PXOM que se corresponde á fronte da ría do Burgo. Esta proposta levarana este luns á comisión de Urbanismo para sometela á votación no pleno do vindeiro xoves.
O edil recordou que se cumpren case 30 anos desde que A Coruña se abría ao mar por unha fronte litoral exterior, que se foi consolidando: “Dise ás veces que a fachada da cidade na ría é como a súa parte traseira e o certo é que non tiña ata o de agora un tratamento urbanístico, ambiental nin social”.
Un dos compromisos do goberno de Inés Rey é a busca da recuperación ambiental e social do litoral da ría e facelo o máis verde e brando posible.
Neste aspecto, o Concello aclarou que na súa posta a punto, “estaríamos pensando nun paseo que non se pareza tanto ao de Riazor-Orzán nin ao do Burgo, senón que implique o menor grao de intervención no territorio, nun novo modelo de paseo marítimo máis brando e verde e que agreda o menos posible a unha beira en que hai varios elementos importantes como o núcleo tradidicional das Xubias, distintos
elementos etnográficos e varios peiraos”.
Para Villoslada, “é o momento de reformular as determinacións do PXOM e que a cidade empece a mirar o litoral pola ría. Se lle sumamos a isto a recuperación do bordo literal exterior e a necesidade dunha reforma da fachada portuaria interior e se temos en conta as previsións de drenaxe da ría do Burgo, todo isto fai que miremos con luces longas ao litoral”. En concreto, este ámbito de suspensión afecta a dous quilómetros de costa e a un conxunto de superficie de 384.909 metros cadrados. O concelleiro explicou que todo este fondo non foi revisado desde 2013, xa que o PXOM aprobado en 2013 o incorporou como API (Área de Planeamento Incorporado), tal e como viña configurado desde 1998 coa modificación puntual de 2008. O Concello tomou esta determinación para someter o plan ás políticas medioambientais actuais e ás directrices da Lei de costas e mais aos parámetros establecidos para cumprirmos coa estratexia do cambio climático de 2017: “Tamén hai que ter en conta as directrices de ordenación do territorio de Galicia e do bordo litoral e os compromisos que temos que asumir para atender ás premisas da Axenda Urbana na súa aposta pola sustentabilidade”.
O edil sinalou que se trata dunha peza que hai que encaixar dentro da reordenación da fachada portuaria interior en que traballan as distintas administracións e que de levarse adiante afectará a unha superficie de solo urbano de 254.000 metros cadrados e aos 130.000 metros cadrados de solo non consolidados. A suspensión cautelar terá vigor durante o prazo dun ano improrrogable “durante o cal temos o deber de tratar de conseguir aprobar inicialmente unha modificación do PXOM”.

Villoslada apuntou que se suspenderán os instrumentos de planeamento e equidistribución nos polígonos que conteñan solo urbano non consolidado mentres que nos consolidados se paralizará o outorgamento de licenzas urbanísticas, de demolición e edificación, salvo nas Xubias de Abaixo, en que si se poderán conceder as licenzas de edificación. A suspensión abrangue desde a praia de Oza ata a ponte Pasaxe e os ámbitos que van da Pasaxe ata Culleredo non estarían incluídos por tratárense de ámbitos xeográficos moi diferenciados. Tampouco entrarían os equipamentos como os centros Santiago Apóstol-María Mariño, o hospital Materno Infantil e o colexio Santa María del Mar, así como os pazos ao
teren a súa propia protección por Patrimonio.