Venres 27 de Novembro de 2020

A Xunta cede o material de protección non empregado nas eleccións autonómicas aos concellos da provincia da Coruña


O Goberno galego puxo a disposición dos electores e dos membros das mesas electorais na xornada electoral do pasado 12 de xullo o material de protección necesario para dar cumprimento ao protocolo de medidas de prevención ante a covid-19 aprobado pola Xunta para garantir unha votación segura

A Xunta cederá o material protección non empregado nas eleccións autonómicas do pasado 12 de xullo aos concellos da provincia da Coruña.
A Xunta aprobou un Protocolo de medidas de prevención ante a covid-19 para levar a cabo a xornada electoral, que incluía a achega por parte da Administración autonómica do material de protección necesario. Deste xeito, puxéronse a disposición dos electores en toda Galicia máis de 2,4 millóns de máscaras cirúrxicas, arredor de 43.000 botes de xel hidroalcohólico e máis de 47.000 pantallas faciais para os membros das mesas electorais.
Tamén se adquiriron máis dun millón de luvas para persoas alérxicas ao xel hidroalcohólico e para levar a cabo o escrutinio trala votación.
O Protocolo para garantir unha votación segura, que contou coa supervisión das autoridades sanitarias, establecía o uso da máscara obrigatorio para os electores, polo que ás persoas que non a trouxeran do domicilio entregóuselles algunha das que estaban a súa disposición no local electoral, ademais de recordarlles que debían hixienizar as mans antes de facer entrega do voto empregando o xel hidroalcohólico dispoñible en todos os locais.
O uso da máscara tamén foi obrigado para os membros das mesas, aos que se lle facilitaron catro para cada un para poder renovalas, así como cunha pantalla facial e os produtos de hixiene para limpar as mans de forma frecuente.
Debido a que parte dos electores optaron por levar a súa propia máscara, existe material sobrante que se entregará agora ás entidades locais para que poidan distribuílo entre os seus veciños. Dáse así continuidade á cooperación da Xunta cos concellos, aos que nos meses máis duros da pandemia dotou das unidades de protección necesarias para os efectivos dos servizos municipais a través de varios repartos, ao igual que aos centros sociais e residencias.
Por outra parte, en canto ás actuacións relacionadas propiamente coa xestión da xornada electoral do 12 de xullo, cómpre recordar que a Xunta formou e habilitou un equipo de persoas que inspeccionaron os 2.400 locais electorais que hai en Galicia ata en dúas ocasións antes da xornada electoral; e que dispuxo persoal en todos os locais durante a propia xornada para que axudaran a que se respectaran todas as medidas sanitarias, como o uso de máscaras, distancia de seguridade e hixiene de mans.

A Xunta puxo, ademais, a disposición de todos os locais electorais todo o material de protección necesario, así como a cartelería na que se explicaban todas as recomendacións sanitarias que había que manter. Tamén se intensificou a ventilación e as actuacións de limpeza e desinfección, tanto antes como durante a xornada electoral.