Venres 27 de Novembro de 2020

A Policía Autonómica realizou 262 inspeccións na provincia da Coruña nos dispositivos para controlar as medidas ante a covid-19


No marco destes controis os axentes identificaron a 254 persoas e tramitaron 36 denuncias en nove concellos da provincia coruñesa

Axentes da Policía Autonómica levaron a cabo durante esta fin de semana 30 dispositivos na provincia da Coruña no marco do plan de actuacións específicas destinadas á prevención, inspección e control do cumprimento das medidas adoptadas polas autoridades competentes pola covid-19. Ao abeiro destes controis, os axentes realizaron 262 inspeccións en dez concellos da provincia na pasada fin de semana, que deron como resultado a identificación de 254 persoas e a tramitación de 36 actas de infracción.
En base a este Plan, a Policía Autonómica destinou efectivos entre o 23 ao 25 de outubro a controlar que se están a cumprir as medidas vixentes para frear a expansión do virus.
Leváronse a cabo dez dispositivos nos municipios da Coruña, Santiago de Compostela, Ames, Boiro, Lousame, Noia, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo e Ribeira..
No conxunto da comunidade galega, os axentes actuaron nun total de 32 concellos, nos que que se rexistraron 122 operativos cun total de 350 inspeccións, con máis de 1.098 persoas identificadas e 75 denuncias tramitadas.
Estes dispositivos enmarcase no seo da colaboración entre as forzas e corpos de seguridade do Estado, cada unha no marco das súas competencias.
Durante os operativos, os axentes controlaron que nos establecementos abertos ao público, terrazas e espectáculos públicos se estaban a cumprir as medidas aprobadas polas autoridades sanitarias para facer fronte á covid-19, como o uso obrigatorio de máscara, o cumprimento da distancia de seguridade, así como o aforo e o horario de peche dos locais e a prevención do botellón.