Venres 16 de Abril de 2021

O Concello de Camariñas reduce un 50% a taxa do IBI para familias numerosas


Levará a pleno este xoves a modificación da ordenanza do IBI e a da taxa dos servizos de redes de sumidoiros
O Concello de Camariñas levará a cabo un pleno extraordinario este xoves, 5 de novembro, ás 10 horas. A sesión, que se celebrará de xeito telemático e que poderá ser seguida en directo a través da canle de Youtube municipal, servirá para reducir un 50% a taxa do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) para familias numerosas.
O goberno local propón modificar a ordenanza do IBI xa que actualmente non contempla ningunha bonificación para as familias numerosas. “Dada a situación económica e social na que nos atopamos considérase axeitado contemplar este desconto”, explica a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua.
Así, co novo texto aplicarase unha bonificación do 50% na cota íntegra do imposto a favor daqueles suxeitos que ostenten a condición de titulares de familia numerosa, previa solicitude e acreditación no Concello e sempre e cando os bens sobre os que se pretenda aplicar a bonificación non teñan un valor catastral superior ós 100.000 euros. “Os interesados deberán presentar a solicitude antes do 31 de decembro para que teña efecto o próximo ano, de aí a necesidade de organizar este pleno”, precisa a
rexedora.
Por outro lado, no pleno tamén se modificará a taxa dos servizos de redes de sumidoiros co obxectivo de equilibrar a táboa de ingresos e gastos xa que o custe supera amplamente aos ingresos obtidos polo tributo.
“Non ten afán recadador, só queremos lograr un equilibrio económico nas contas municipais xa que o custo do servizo incrementouse moito polo establecemento das depuradoras”, destaca Sandra Insua.
Con esta modificación só se incrementará en nove euros o primeiro epígrafe desta taxa, que afecta ás vivendas unifamiliares e pisos vivenda.

Mantéñense igual as cotas para comercios, cafeterías, bares, tabernas, espectáculos, restaurantes, sales de festas, discotecas e aloxamentos.