Luns 25 de Xaneiro de 2021

O delegado da Xunta e os alcaldes de Noia, Porto do Son e Lousame reclaman o apoio da Deputación da Coruña para sacar adiante proposta da Xunta de contar cun novo GES nesta área


Gonzalo Trenor mantivo un encontro cos alcaldes na base de Protección Civil de Noia, sede proposta para a creación deste novo ente

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e os alcaldes de Noia, Santiago Freire, Porto do Son, Luis Oujo e de Lousame, Teresa Villarverde visitaron esta mañá a base de Protección Civil de Noia, a que será con toda probabilidade a nova base do GES de Noia, que prestará tamén servizo aos concellos de Porto do Son e Lousame e que será posible grazas ao acordo inicial alcanzado pola Xunta dentro da Comisión de seguimento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES), na que tamén están representadas a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e as deputacións provinciais.

A Xunta deu a coñecer, a semana pasada, a súa proposta para mellorar e completar o mapa de emerxencias que cubre o territorio galego, a través de 6 novas agrupacións, unha delas na provincia da Coruña, concretamente no Concello de Noia. A proposta da Xunta será estudada polos integrantes da comisión de seguimento, que volverá a reunirse para proceder á súa votación.

En materia de financiamento, a Administración autonómica reafirmou o seu compromiso para seguir colaborando no mantemento dos GES, postos en marcha en 2013 en consenso entre a Xunta, deputacións e concellos. De feito, a proposta presentada. a semana pasada, cun novo servizo para Noia suporía un incremento no investimento por parte da Xunta de máis de 81.000 euros, o que supón máis da metade do custo anual dos GES.
O delegado da Xunta destacou que agora toca que tamén se implique neste proxecto a Deputación da Coruña para que poida ser unha realidade e se aprobe definitivamente na comisión de seguimento. “Este GES é moi necesario e moi reclamado polos alcaldes desta área, unha das zonas máis castigada polos incendios forestais na época de verán, e conta co apoio da Xunta”. “Estamos convencidos que esta iniciativa contará co apoio da Deputación coruñesa para que sexa unha realidade o antes posible”, puntualizou.

Nesta liña, Trenor instou á entidade provincial a que continúe implicándose na dotación de equipamento aos servizos de emerxencias dos concellos, tanto GES como Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, aos que a Xunta destinou nos últimos dez anos 15,3 millóns de euros. Ademais, as achegas do Goberno galego para financiar os cinco consorcios provinciais e comarcais de bombeiros superan os 9,8 millóns de euros.