Domingo 06 de Decembro de 2020

A Xunta desprega o Plan de Vialidade Invernal na provincia da Coruña con 140 profesionais, 1.200 toneladas de fundentes e 8 centros operativos para garantir a seguridade viaria


Este plan está activo desde mañá, 15 de novembro, e ata o 30 de abril

A Xunta desprega o Plan de Vialidade Invernal na provincia de Coruña, cun dispositivo de preto de 140 profesionais, preto de 1.200 toneladas de fundentes e 8 centros operativos que garantirán a seguridade viaria.
Con este plan, que se activará desde mañá, día 15, e ata o 30 de abril, disponse na provincia da Coruña un dispositivo de 42 máquinas, entre as que se contabilizan camións ou esparexedores de sal, para atender os preto de 1.800 km de estradas da Xunta na provincia.
O Plan de Vialidade Invernal, que estará operativo tamén desde mañá na provincia de Pontevedra e que xa está activado nas de Lugo e Ourense desde o día 1 deste mes, contempla un amplo despregue de medios materiais e humanos para facilitar a mobilidade nos máis de 5.500 km de estradas de titularidade da Xunta.
No conxunto de Galicia son, en total, 26 os centros operativos e máis de 460 os profesionais que velarán pola seguridade das estradas autonómicas.
O obxectivo desta iniciativa é mellorar as condicións de circulación na rede de estradas da comunidade, que se poden ver dificultadas no inverno pola presenza de fortes choivas, a formación de placas de xeo ou a aparición de neve.
Este plan recolle medidas preventivas, para anticiparse aos contratempos que se poidan producir, e medidas paliativas, para reforzar a seguridade viaria en situacións meteorolóxicas desfavorables.
O Goberno galego destina cada ano un investimento duns 50 millóns de euros para levar a cabo tarefas de conservación nas vías, entre as que destacan estas accións de vialidade invernal.
No seguinte plano amósase a situación dos medios dispoñibles no citado dispositivo na provincia da Coruña.