Domingo 06 de Decembro de 2020

A Xunta impartirá oito obradoiros na comarca de Santiago para formar a 158 alumnos cun investimento de máis de 2,7M€


O representante do Goberno autonómico animou ás mozas e mozos a aproveitar esta formación, adaptada ás necesidades das empresas da contorna, para poder atopar un emprego

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou esta mañá no acto de apertura do obradoiro xuvenil de Rois,. En total, formaranse a 10 alumnos en confección e publicación de páxinas web cunha achega da Xunta de máis de 230.000 euros.
O representante da Xunta na Coruña destacou que na comarca de Santiago está prevista a realización de oito obradoiros cinco ordinarios duais e tres de garantía xuvenil, concretamente os ordinarios celebrarase en Ordes compartido con Frades e Mesía, en Santiago de Compostela, en Boqueixón, compartido con O Pino, Touro e Vedra, en Ames compartido con Brión e en A Baña compartido con Negreira, Santa Comba e Val do Dubra e os de Garantía Xuvenil nos concellos de Negreira, compartido con A Baña, Santa Comba e Val do Dubra, en Rois compartido con Padrón e Dodro e en Santiago de Compostela . A Xunta achega máis 2,7 millóns de euros para os gastos de organización, profesorado e
axudas para os participantes.
Os cursos que se impartirán son moi variados: repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, confección de páxinas web, desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web, desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos, limpeza de espazos abertos e instalacións industriais, pintura decorativa en construción, fábricas de albanelería e actividades auxiliares en viveiros e xardíns.
Trenor destacou que os obradoiros están dirixidos á realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral. Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios reciben formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos. Os obradoiros duais dan a opción aos alumnos a un contrato de traballo nunha empresa da zona durante un mínimo de tres meses.
O representante do Goberno autonómico destacou que a formación que se imparte nos concellos está adaptada aos perfís máis demandados das empresas da contorna polo que algúns alumnos atopan emprego incluso antes de rematar a súa formación. “Por iso é tan importante que aproveitedes cada minuto deste ano de formación”.
O delegado da Xunta felicitou aos participantes: “porque teredes a oportunidade de formarvos durante 9 meses e de de traballar para mellorar as vosas capacidades profesionais e a vosa empregabilidade, polo que é moi importante aproveitar esta formación para poder atopar un emprego”.

Clausura taller de formación Rianxo
O delegado da Xunta desprazouse tamén ata Rianxo para clausurar o obradoiro de emprego deste concello que se impartiu o ano pasado centrado en instalacións de placa de xeso e falsos teitos, no que se formaron a 16 alumnos e que realizaron as súas prácticas reformando a primeira planta da clínica Vella de Rianxo. Este taller de formación contou cunha achega da Xunta de máis de 350.000 euros-
Trenor apuntou que despois de algo máis dun ano de formación, xa que estes cursos se pospuxeron durante os meses de confinamento e cando se retomaron cumpriron os meses establecidos inicialmente, “agora toca saír a buscar un emprego co aval da mellor formación nunha área na que existe unha gran demanda”.
O delegado da Xunta recalcou que agora “estades mellor preparados ca nunca para conseguir un posto de traballo o para emprender proxectos propios porque contades cun título oficial válido en toda España que acredita a vosa preparación”. Neste senso, desexoulles aos participantes o mellor nestes meses de tanta dificultades e animou aos alumnos a poñer empeño e vontade para acadar os seus obxectivos.