Domingo 06 de Decembro de 2020

O Concello de Fene, ASPANEPS, Betula e a comunidade veciñal de Marraxón plantan no monte un cento de bidueiros


O Concello de Fene -a través da Concellaría de Medio Ambiente- colabora desde hai tempo coa Comunidade de montes veciñais en man común de Marraxón para poñer en valor a zona desde un punto de vista ambiental e turístico. En terreos do colectivo encóntrase o Coto do Rei, un dos miradoiros máis espectaculares da ría, e tamén se levaron a cabo actuacións como a colocación dunha pirámide de madeira que lle sirva de hábitat a insectos e larvas que cómpre conservar. Esta mañá escribiuse un novo capítulo nesa colaboración coa plantación de 100 bidueiros que contribuirán á incrementar o atractivo do espazo ao tempo que axudan a fixar CO2. Nesta acción ambiental subvencionada pola Deputación da Coruña tamén se implicaron a asociación para a custodia do bosque atlántico Betula e membros do centro ocupacional ASPANEPS.

A responsable da área municipal de Medio Ambiente, Marta Pereiro, explicou esta mañá que os bidueiros son unha árbore caducifolia de rápido crecemento que poden alcanzar ata os 30 metros de altura nun período relativamente curto de tempo, en comparanza con outras frondosas. Ademais da súa cortiza branca e dunhas follas moi rechamantes -especialmente no arranque do outono-, a árbore tamén ten unha compoñente patrimonial e cultural en Galicia, posto que a súa madeira foi empregada durante séculos para a fabricación de apeiros, zocas e outros utensilios debido á súa durabilidade e facilidade para traballala.

Porén, a plantación ten unha finalidade ambiental e de reforzo do atractivo dos montes veciñais de Marraxón, cuxa comunidade xestora leva anos apostando por un aproveitamento sostible dos seus predios que combine os usos económicos cos sociais. Así, desde o Concello destácase que o cento de bidueiros postos hoxe en colaboración coa asociación Betula, ASPANEPS e membros da propia comunidade de montes, pretende potenciar o desfrute da natureza nun espazo «que ten moito que mostrar», pero tamén axudar a mellorar a calidade do aire.

Desde Medio Ambiente engádese, ademais, que a plantación e outros elementos situados en terreos da comunidade -o miradoiro do Coto do Rei, os «bancos máis duros do mundo», o túmulo megalítico e a pirámide de madeira para insectos- constitúen elementos que se deben poñer en valor mediante o deseño de rutas naturais e culturais que lle dean resposta a unha maior demanda de lecer de proximidade e ao aire libre.

Neste sentido, de par da acción ambiental de hoxe á mañá, a área municipal de Turismo tamén acaba de colocar paneis informativos tanto en Marraxón como noutros puntos do territorio referidos a recursos de interese cultural e ambiental. Ademais, o departamento tamén traballa no deseño de novas rutas para facer a pé ou en bicicleta que artellen todo o territorio municipal.