Mércores 03 de Marzo de 2021

Os Concellos de Boqueixón e Vedra ofertan cursos de monitor/a e director/a de actividades de tempo libre


Está aberta a preinscrición a estas accións formativas, que teñen as prazas limitadas a 25 persoas

Os Concellos de Boqueixón e Vedra veñen de abrir o prazo de preinscrición para os seus cursos de monitor/a e director/a de actividades de tempo libre. As prazas están limitadas a un total de 25 persoas por curso. Terán preferencia na inscrición aquelas persoas empadroadas nalgún dos municipios.
Ambas as dúas iniciativas desenvolveranse de xeito dual -tanto presencial como en liña- entre decembro de 2020 e maio de 2021. Será necesario dispoñer de dispositivo con conexión a internet, cámara e micrófono para a asistencia ás videochamadas grupais. O prezo de calquera dos cursos é de 150 € (taxas de expedición de título non incluídas) e o pagamento realizarase unha vez feita a inscrición.
As persoas interesadas en preinscribirse deberán completar unha serie de formularios en liña. Tamén se pode realizar a preinscrición nos Departamentos de Cultura e Xuventude de Boqueixón ou Vedra.
Requisitos e desenvolvemento
O Curso de Monitorado de actividades de tempo libre está dirixido a calquera persoa maior de 18 anos ao iniciar o curso e co título de Educación Secundaria Obrigatoria.
O curso, impartido pola Escola de Tempo Libre Aloumiña, consta de 200 horas teóricas. Será necesario superar 150 horas de práctica unha vez realizada a parte teórica para poder obter a titulación, que estará homologada pola Dirección Xeral de Xuventude Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia.
As sesións teóricas desenvolveranse nas seguintes datas:
 Decembro: 23 presencial, 28, 29, 30 en liña
 Febreiro: 6, 7, 15, 16, 17 en liña
 Marzo: 6, 7, 19, 20, 21, 27, 28, 29, 30, 31 presencial
 Abril: 10 presencial

Os horarios para as clases presenciais, nas que se cumprirán estritamente as medidas de seguridade e prevención contra a expansión da COVID-19, serán de 09.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas. Pola súa banda, as sesións en liña impartiranse a través de videochamadas grupais de asistencia obrigatoria a realizar entre as 09.00 e as 14.00 e/ou de 16.00 a 21.00 horas. Os traballos e tarefas completaranse na aula virtual.
No caso do Curso de Director/a de actividades de tempo libre requírese estar en posesión do título de monitor/a de actividades de tempo libre, así como a acreditación dunha experiencia de traballo como monitor/a no campo da educación/animación no tempo libre -cun mínimo de 250 horas-, ou como integrante do equipo de animación en colonias ou campamentos por un total de 30 días, despois da obtención do título de monitor. Ademais, as persoas participantes deberán posuír, polo menos, un título de ensino secundario.
O curso, impartido pola Escola de Tempo Libre Don Bosco, consta de 150 horas teóricas. Será necesario superar 150 horas de práctica unha vez realizada a parte teórica para poder obter a titulación, que estará homologada pola Dirección Xeral de Xuventude Participación e Voluntariado.
As sesións teóricas desenvolveranse nas seguintes datas:
 Decembro: 23 presencial, 28, 29, 30 en liña
 Febreiro: 15,16, 17 en liña
 Marzo: 19, 20, 27,28,29,30,31 presencial
 Abril: 10 presencial
Os horarios para as clases presenciais serán de 09.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas. Pola súa banda, as sesións en liña impartiranse a través de videochamadas grupais de asistencia obrigatoria a realizar entre as 09.00 e as 14.00 e/ou de 16.00 a 21.00 horas. Os traballos e tarefas completaranse na aula virtual.