Domingo 17 de Xaneiro de 2021

O Concello de Lousame sigue apostando pola educación en igualdade como medida para erradicar a violencia machista


Unha vintena de persoas participaron este mediodía en Lousame na lectura do Manifesto contra a Violencia Machista, realizado pola concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo. Un acto que tivo lugar diante da casa consistorial, fronte a unha gran pancarta coa lenda “A árbore do bo trato”, campaña de prevención da violencia contra as mulleres levada a cabo polo Concello de Lousame en colaboración co Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e o Ministerio de Igualdade.

Silvia Agrafojo asegurou que “dende o Concello de Lousame seguiremos traballando para conseguir quea erradicación da violencia de xénero sexa unha realidade. E como a igualdade real se consegue traballando cos nenos e nenas dende ben pequenos, dende o Concello traballamos conxuntamente co CPIP Cernadas de Castro a través de distintos proxectos educativos nos que, dende infantil ata a ESO, o alumnado recibe uns valores e unha educación en igualdade que darán o seu froito no futuro. Niso baseouse esta campaña, “A árbore do bo trato”, en que primeiro hai que sementar para recoller o froito, que podedes ver tanto na web municipal como nas redes sociais”.
Así mesmo, Agrafojo deu lectura a un manifesto institucional no que lembrou ás 41 mulleres asasinadas no 2020 “polo feito de seren mulleres” e aos 3 nenos e nenas que foron asasinados canda as súas nais e aos 23 “que van medrar sen elas en familias rotas para sempre pola violencia machista”. A concelleira animou ás mulleres a que non permitan discriminación ningunha e a que denuncien porque “non estades soas”, ao tempo que reclamou da sociedade “que sinta empatía polas vítimas e eduque en igualdade”.
Unha educación en igualdade na que se basea o programa “Lousame Coeduca”, que durante os meses de outubro e novembro levaron a cabo o Concello de Lousame e o CPIP Cernadas de Castro, grazas a unha subvención da Secretaría Xeral da Igualdade. “Lousame Coeduca” incluíu unha serie de actividades de sensibilización dirixidas ao alumnado lousamiá, de 3 a 16 anos, para favorecer a coeducación e a promoción da igualdade de oportunidades.
De feito, toda a rapazada do CPIP Cernadas de Castro participou na campaña “A árbore do bo trato”, gravando un vídeo que pode verse en www.concellodelousame.gal . Uns vídeos aos que se sumaron os achegados polas persoas maiores que participan nos obradoiros Activa- Mente, persoal municipal e veciños e veciñas de Lousame.