Domingo 17 de Xaneiro de 2021

Comezan as obras de acondicionamento na escola da Angustia


Na xornada de hoxe, mércores 25, iniciáronse na escola de educación infantil da Angustia as obras de mellora e acondicionamento das aulas situadas na planta baixa. Ata o lugar desprazáronse este mesmo mediodía o alcalde Xosé Lois Piñeiro e a concelleira da Educación, Genoveva Hermo.
A edil expuxo que a dita actuación consiste na colocación de illamento térmico do perímetro da edificación e tradosado con cartón-xeso, renovación da carpintería interior, nova instalación eléctrica e colocación de vinilo no chan. En consecuencia, afirmou que se "mellorará sensiblemente o edificio en xeral e a vida dos escolares en particular." A obra foi adxudicada á empresa CYS Hispania S.L. e o importe ascende a 22.660’90 euros (cunha rebaixa de 2.732’32 euros sobre o prezo de licitación) con cargo aos orzamentos municipais. O prazo de execución é dun mes e medio.
Pola súa parte, o rexedor lembrou que o edificio tamén acolle o centro social no primeiro andar, adecuándose o espazo para o desenvolvemento das aulas para os 12 escolares. Tamén fixo fincapé nas inversións feitas nas escolas nos últimos anos, precisando que «esta vén a ser unha máis que vai a completar toda unha actuación neste centro» e engadiu que, despois das obras, «vai quedar
perfectamente dotada».