Domingo 17 de Xaneiro de 2021

Os Reis Magos percorrerán o día 5 a cidade en vehículos especiais co fin de evitaren aglomeracións


O Concello inaugurará o venres o Belén Municipal, que este ano terá como novidade a figura dunha muller aplaudíndolles ás persoas que traballan nos servizos esenciais e que lle deron cobertura á cidade durante o confinamento e nos meses seguintes

O Concello da Coruña programará este ano unha cabalgata especial a tarde do 5, en que os Reis Magos realizarán un percorrido extenso por toda a cidade en vehículos especiais co fin de que non se produzan
aglomeracións. Por outra banda, Papá Noel visitará os centros cívicos todas as tardes desde hoxe até o día 17. Ademais, as e os nenos poderán enviarlles as súas cartas tanto a Papá Noel como ás súas Maxestades a través de caixas do correo instaladas nos barrios.

Por outro lado, o Belén Municipal inaugurarase este venres e estará aberto ao público todos os días, das 11.00 ás 14.00 horas e das 17.00 ás 20.30 horas con todos os protocolos de seguridade axeitados á situación epidemiolóxica. A alcaldesa, Inés Rey, afirmou que o Concello pretende que o Nadal coruñés sexa unha homenaxe a toda a xente que traballa nos servizos esenciais. Por esta razón, unha representación delas e deles acenderon a semana pasada as luces e a figura que se incorporará este ano ao belén será unha muller aplaudindo. En todo caso, serán unhas festas diferentes para desfrutarmos na casa e vivirmos nos barrios que contarán con máis iluminación de Nadal e con numerosas actividades de animación na rúa: “Este ano toca estar coa familia máis achegada e consumir no comercio de proximidade. Toca asomármonos ao Nadal con responsabilidade e prudencia”, sinalou a alcaldesa.

PROGRAMACIÓN
Papá Noel estará até o 17 nos trece centros cívicos da cidade, das 16.30 ás 20.30 horas: San Diego, Monelos, Eirís, Castrillón, Mallos, Labañou, Os Rosales, Novo Mesoiro, Elviña, Novoboandanza, Monte Alto, Cidade Vella e Palavea.
As crianzas entrarán na sala unha de cada vez e terán 10 minutos para estaren a soas con Papá Noel.
A sala ventilarase cada hora e procederase á súa desinfección.
Para poder visitar a Papá Noel, as persoas interesadas terán que chamar ao centro cívico e reservaren unha hora de visita. Tamén poderán acudir directamente ao centro cívico e, no caso de que non haxa ninguén agardando, poderán pasar.