Martes 02 de Marzo de 2021

A Xunta presenta as «Bases para o Plan de Usos de Meirás» como a «Chave para abrilo á cidadanía e convertelo nun espazo vivo»


O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, expón unha batería de propostas de partida na que convivan a memoria e o legado de Emilia Pardo Bazán, os valores democráticos, os usos culturais e o fomento da igualdade entre as persoas

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentou hoxe as Bases para o plan de usos das Torres de Meirás, un documento que sirva de punto de partida para comezar un proceso participativo que cristalice nunha xestión plural, sólida e cunha visión a longo prazo tras a recuperación deste ben para o patrimonio público. Trátase, como afirmou o representante da Xunta de Galicia, dun primeiro traballo froito da reflexión e a análise “ante un momento histórico” e que debe ser “a chave para abrir Meirás a cidadanía e convertelo nun espazo vivo do que os galegos nos sintamos orgullosos”.
Román Rodríguez, que compareceu acompañado polo secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán na Coruña, sede da Real Academia Galega (RAG), puxo en valor este paso adiante, cunha batería inicial de propostas “para traballar no futuro desde o primeiro día”, respectando en todo caso o proceso xudicial aínda en marcha á espera dunha sentenza definitiva.
O documento, que xa foi trasladado na reunión mantida o pasado mércores entre os distintos representantes institucionais, ten como obxectivo que todas as administracións e axentes implicados elaboren un plan de usos técnico, formal e completo que naza dun proceso participativo e aberto. Para iso, perfila posibles usos cunha batería de propostas que deberán agora abordarse no grupo de traballo.
“Nesta nova etapa, debemos manter o esforzo e o consenso que nos trouxo ata aquí, polo que cómpre decidir o futuro de Meirás entre todos”, declarou o conselleiro de Cultura do Goberno galego, que fixo un repaso polos pasos dados desde Galicia e que se materializaron, no día de onte, na entrega das chaves físicas de Meirás ao Estado, ao que xa se ten solicitada a cesión da xestión do ben para a Comunidade.
Unha visión integral e de futuro
Con esta perspectiva, esta folla de ruta senta as bases en tres principios que guíen as actuacións: garantir a apertura das Torres de Meirás a toda a cidadanía, revitalizar un espazo único de gran valor histórico e cultural declarado BIC e que, en definitiva, recupere o sentido orixinal do inmoble deturpado polo franquismo, converténdose nun espazo que resalte a importancia da muller na creación intelectual e nomeadamente o legado de Emilia Pardo Bazán, explicando ao mesmo tempo a historia completa do pazo, incluída toda a etapa e o proceso polo que se converteu en residencia estival do ditador, e reivindicando o entendemento, a concordia e os valores democráticos.

“Non queremos que sexa o Pazo de Franco, senón o Pazo de Emilia Pardo Bazán, da concordia, da cultura e da democracia -subliñou Román Rodríguez-. Os galegos non debemos vivir de costas ao pazo nin avergonzarnos do seu pasado, senón reivindicalo como un espazo de cultura, de concordia e de visibilización da igualdade”.
Catro liñas complementarias
Estas bases perfilan usos culturais a través de catro liñas de acción complementarias. En primeiro lugar, a valorización do patrimonio, coa elaboración dun plan museolóxico cunha museografía adaptada no que teñan tamén cabida accións como visitas guiadas, percorridos ou espazos abertos para coñecer a historia do pazo: “o antes, o durante e o despois”, sinalou. Neste sentido, propón programacións específicas con carácter didáctico para o público infantil como visitas para escolas ou unidades de traballo nas aulas, así como un espazo para a reivindicación da figura dunha muller adiantada ao seu tempo e pioneira do feminismo como Pardo Bazán, a promoción dos valores democráticos ou accións en torno aos usos exercidos durante a ditadura.
En segundo lugar, recolle a configuración cun centro de creación artística, un lugar que xere valor engadido no noso tecido produtivo e que dinamice o noso sector cultural. Para iso, desenvolveríanse accións como residencias literarias e de creadoras, tendo en conta o gran momento das mulleres en Galicia neste ámbito. “Un lugar -dixo- de oportunidade e apoio ás mulleres artistas, desenvolvendo colaboracións e intercambios con outros colectivos similares en todo o mundo
O emprendemento e a investigación serían a terceira liña, centrada en fomentar a igualdade da muller e forzar ideas e iniciativas entre órganos que promovan estes fins, con actividades de sensibilización e concienciación, estudos ou análises.
Por último, os espazos verdes destinaríanse á un Xardín da liberdade, como auténtico espazo para a memoria e a reflexión sobre a ditadura, o papel das mulleres durante este período histórico e na actual democracia, que sirva en definitiva como recordo e reparación das persoas represaliadas e perseguidas polo totalitarismo e a intolerancia.
En definitiva, como expuxo o conselleiro, este traballo abre a porta a que as Torres de Meirás retomen a esencia truncada polo franquismo e se convertan no faro da igualdade e da democracia, “volvendo ser aquilo que nunca deberon deixar de ser, sen esquecer en ningún momento a súa historia como residencia dun ditador”.