Venres 23 de Febreiro de 2018

A delegada territorial da Xunta na Coruña destaca o potencial do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira para a promoción de todo o xeodestino Rías Altas-Ferrolterra


Belén do Campo asistiu hoxe en Fitur á presentación do evento, que se celebrará entre o 16 e o 19 de xullo

Madrid, 28 de xaneiro de 2015.- A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, asistiu hoxe en Fitur á presentación do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, que en 2015 acadará a súa 31 edición. Segundo indicou a delegada, este evento forma parte xa dos recursos turísticos do verán galego, “porque as festas da nosa terra constitúen un reclamo máis, integran aos visitantes na vida dos territorios e amosan a mellor cara dos nosos pobos e xentes”.

Do Campo salientou o potencial desta cita para a promoción de todo o xeodestino Rías Altas-Ferrolterra. “Trátase dun revulsivo para unha das zonas máis fermosas de Galicia, pois o ano pasado participaron 70.000 persoas e a proxección internacional do mesmo increméntase cada ano”, comentou.

Recordou, do mesmo xeito, que o evento conta co recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional desde 2005 e que o pasado mes de decembro recibiu o Premio da Cultura Galega -na categoría de música-, poñendo en valor a súa traxectoria e a calidade do traballo a favor do desenvolvemento cultural e da música.

Xunto co alcalde de Ortigueira, Rafael Girón, a delegada territorial explicou que o encontro, que se celebrará entre o 16 e o 19 de xullo, “non é só música, senón que concentra experiencias que unicamente se poden vivir neste xeodestino”. Na mesa liña, a representante do Goberno galego na provincia indicou que se trata dun evento gratuíto que constitúe a escusa perfecta para achegarse a un territorio que alberga singularidades como o punto máis setentrional da Península Ibérica, unha ría visitada cada ano por miles de aves migratorias, a serra da Capelada, o santuario de Santo André de Teixido ou o pintoresco barrio do Ponto en Ortigueira.

Neste sentido, a máxima representante do Goberno galego na provincia sinalou que unha nova proposta para coñecer este singular territorio ten sido o tren da Ruta dos Faros posta en funcionamento en colaboración con Renfe. “Tanto o festival como o tren turístico son dúas boas propostas para acercarse o próximo verán a Galicia e vivir novas experiencias a través da música e a natureza no norte do norte”, indicou.

Durante a presentación da campaña, que se levou a cabo no pavillón de Galicia da feira de turismo, a delegada aproveitou para ofrecerlle ao rexedor da vila todo o apoio da Xunta de Galicia para coordinar a través de Turgalicia as estratexias que permitan situar ao municipio como un referente no turismo de calidade.