Sábado 14 de Decembro de 2019

289 corredores disputarán este domingo a proba de campo a través de San Alberte


A Casa Consistorial de Riveira serviu de escenario para a presentación da terceira edición do Trail de San Alberte: unha proba que se disputará este domingo 1 de febreiro pola mañá e constitúe a primeira das tres carreiras integrantes das Arousa-Revolutrion Trail Series 2015, xunto coas citas do Couso (1 de marzo, primeira edición) e do Corgo (12 de abril, novena edición).

Un total de 289 participantes correrán a proba desta fin de semana, segundo informou Eduardo Iglesias en representación da asociación Arousa Natureza e Ocio –a promotora da iniciativa- nun acto que contou tamén coa intervención do concelleiro de Deportes, Juan Luis Martínez; e de Lois Pachita, un dos especialistas apuntados na competición.

A saída terá lugar ás 11 horas dende a capela de San Alberte (a entrega de dorsais realizarase ás 10 horas no aparcadoiro municipal situado fronte ao matadoiro). Os corredores terán que completar un circuíto de 13,5 quilómetros e un desnivel positivo de máis de 500 metros (o desnivel acumulado supera os mil metros), que atravesará A Carballosa, Recovo, Salmón e regreso de novo a San Alberte.

Rápido
Trátase dun circuíto moi rápido no que os deportistas máis preparados incluso poderían baixar dunha hora en opinión da organización e do propio Pachita. De calquera xeito, o groso dos participantes rondarán a hora e media e o límite para finalizar o circuíto situarase en torno ás dúas horas. A entrega de trofeos está prevista para as 13.30 horas aproximadamente. Este acto terá lugar no Centro Recreativo de Artes.

Dos 289 participantes, 130 proceden da comarca de Barbanza e deles 60 de Riveira. Para as Trail Series xa hai apuntadas 120 persoas, o que asegura unha boa participación nas outras dúas citas a falla de varias semanas para a súa celebración.

Na deste domingo, os campións masculino e feminino serán agasallados cunhas figuras obra de Abraham Benítez que reproducen o petróglifo de Pedra das Cabras.

Eduardo Iglesias deu as grazas tanto ao Concello de Riveira como á Asociación de Veciños de Carreira e ao Centro Recreativo de Artes por colaborar na súa organización, ademais de destacar á implicación do patrocinador Revolutrion.