Domingo 17 de Xaneiro de 2021

Rey: “Tan só hai un camiño para abordarmos os retos da cidade: o diálogo”


A alcaldesa lembrou, no balance deste ano, que A Coruña foi a primeira cidade galega en aprobar un Plan de reactivación económica pola crise da pandemia e a primeira Administración en pagarlles axudas a persoas autónomas e á hostalaría

A alcaldesa, Inés Rey, realizou esta mañá un balance da xestión do seu Goberno en 2020, da que dixo sentirse orgullosa pero “sen tempo para compracencias” porque, canto á pandemia, “aínda queda moito que facer”. Pese á crise sanitaria que estamos pasando, a rexedora afirmou que neste exercicio recuperouse a antiga normalidade, entendida esta como un trato normal cos outros partidos políticos e coas demais administracións, que se materializou no desbloqueo de proxectos como a pasarela de Pedralonga, a Estación Intermodal, o mercado de Santa Lucía e a dragaxe da ría do Burgo. Destas relacións institucionais tamén se selaron compromisos orzamentarios por parte do Estado como os 12,6 millóns de euros do IDAE para a renovación da iluminación pública e os 2,5 millóns de euros para a reforma da Casa de Veeduría.

Rey afirmou que tratar a oposición como se foren adversarias/os políticas/os non leva a ningún sitio, “pódese facer política doutra maneira e creo que a cidadanía agradece estas alturas de miras”. Neste aspecto, puntualizou que o Goberno que encabeza lle devolveu un clima respirable á política local coruñesa e que esta actitude será a que impere durante todo o mandato “e creo que no resto dos partidos tamén”. Proba disto foron os 93 acordos plenarios que se materializaron en 2020.

No referente á xestión da pandemia, a alcaldesa recordou que A Coruña foi a primeira cidade galega en aprobar un Plan de reactivación económica de 13 millóns de euros e tamén a primeira Administración en pagarlles axudas a persoas autónomas e hostaleiras/os. Desde o primeiro momento, o Goberno local traballou por non deixar a ninguén atrás e reforzou os programas de servizos sociais con axudas para o alumnado sen recursos, de acompañamento a persoas maiores ou co albergue habilitado en Riazor para lle dar acubillo á cidadanía sen fogar. A rexedora lembrou a posta en marcha do PRESCO, con 963 negocios adheridos e máis de 55.000 coruñesas/es usuarias/os dos bonos, o que supuxo un consumo nos comercios locais de preto dun millón de euros.

Por outra parte, máis de 2.500 persoas autónomas e pequenas empresas, artistas e profesionais percibiron fondos do PRESCO a través das súas distintas liñas ou por contratos de servizos. En total, tramitáronse catro millóns de euros en axudas directas: “Non tiñamos manual de instrucións para nos enfrontarmos a unha pandemia e tivemos que inventalo todo pero foron moitos os concellos que despois
fixeron coma nós”.

Ademais, foi o ano en que a cidade se reactivou cos preto de 20 millóns de euros dirixidos a obras en sintonía con esa idea de cidade máis amable e transitable que se pretende desde o Goberno local. Rey sinalou que ao longo destes 12 meses gañouse espazo para a veciñanza ampliando o Paseo Marítimo e peonalizando rúas como Alcalde Marchesi, Compostela, Pardo Bazán e outras que están en proxecto de se reverteren para a cidadanía. Déronse, así mesmo, os primeiros pasos cara a unha Coruña máis sustentable coa declaración de “Cidade 30”, antes de se aprobar esta medida humanizadora no resto das urbes.

Canto á execución orzamentaria, Rey indicou que se realizou a maior oferta de emprego público en décadas, coa convocatoria de 413 prazas, e que se reduciu o período medio de pago a provedoras/es, que pasou nun ano de 40 a 26 días.

FIRMEZA DO GOBERNO

A alcaldesa destacou a firmeza que mostrou o seu Goberno ante a defensa dos intereses da Coruña, unha determinación que se viu reflectida en cuestións como o caso Fuenlabrada, a petición por parte de Ceuta da estatua de Millán Astray ou no inicio da recuperación da Casa Cornide co impulso por parte do Concello da declaración de Ben de Interese Cultural para o edificio.

Deste xeito, Rey tomou a iniciativa para citar a todas as administracións implicadas nos terreos portuarios, dunha “extensión inmensa, polo que falar de concretarmos os seus usos é prematuro mais si é preciso abordarmos as bases e a conexión ferroviaria con Punta Lagosteira, que as administracións se poñan a traballar e revisemos así os convenios de 2004”.

Para 2021, Rey sinalou que terán que seguir dándolle respostas á crise xerada pola COVID-19 en diálogo coas demais forzas políticas “e reactivando a economía” da cidade. Neste sentido, confesou que nunca imaxinara, nin nos seus prognósticos máis pesimistas, que tería que combater contra unha pandemia como alcaldesa: “Había que facelo todo de novo para ir solucionando problemas que se nos ocorrían, cando de súpeto din ‘todo o mundo á súa casa’ e pensamos: e todas as persoas que non teñen fogar onde se confinan?”.

A alcaldesa relatou que foi así durante todo o confinamento e a desescalada, “todos os días foron luns”. A alcaldesa afirmou que foi unha carga importante pero que sempre contou cun equipo de xente totalmente entregada: “grazas a elas e a eles, foi máis doado, xunto ás edilas e os edís con que traballamos sen descanso”.