Domingo 17 de Xaneiro de 2021

A Xunta impulsa 4 Plans de Internacionalización Dixital de Pemes e microempresas da Comarca de Bergantiños-Costa da Morte con máis de 150.000€


As axudas achegadas a través das dúas convocatorias deste ano do Galicia Exporta Dixital mobilizarán nesta área máis de 188.000 euros
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou a empresa Porto-Muíños, unha das beneficiarias do programa Galicia Exporta Dixital, a nova liña de axudas da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación reforzada e adaptada ás necesidades que ten o tecido empresarial como consecuencia do novo contexto económico provocado pola pandemia da covid-19.
Trenor puxo en valor o traballo de todo o equipo desta empresa dedicada á comercialización de algas que recibiu unha achega de máis de 25.000 euros para levar a cabo a elaboración dun catálogo dixital e a creación dunha tenda on-line
O representante do goberno autonómico aproveitou a visita para dar conta das axudas deste programa para o impulso á internacionalización das pemes galegas que na comarca de Bergantiños-Costa da Morte deixarán máis de 150.000 euros para apoiar a 4 empresas que mobilizarán máis de 188.000 euros. As empresas beneficiadas están ubicadas dúas en Carballo, unha en Coristanco e en Cerceda. En total, na provincia da Coruña beneficiaranse deste plan de axudas 56 pemes que recibirán unha achega total de 2,1 millóns de euros.
No que se refire ao tipo de medidas que se implementarán, as máis demandadas son as relativas ao software, destacando especialmente os gastos de solucións de inbound márketing internacional para captar, reter, converter e fidelizar a usuarios. Outros dos plans máis solicitados son os relativos á creación e adaptación de tendas online e catálogos en liña para o márketing e vendas en mercados electrónicos obxectivo.
O delegado da Xunta destacou que “o obxectivo deste programa da Vicepresidencia económica é apoiar a expansión internacional das empresas galegas, especialmente de empresas con menos de 10 traballadores e os establecementos comerciais, a través de novas canles de comercialización partindo de ferramentas dixitais innovadoras. As axudas aprobadas na provincia van supor unha mobilización de 2,7M€ e o gasto medio por proxecto aprobado supera os 50.500 euros”
Ademais, aclarou que “as pemes beneficiarias poderán avanzar na súa internacionalización cara a mercados da Unión Europea e fóra de Europa tamén hai iniciativas en países como Estados Unidos e México, destinos principais das accións de promoción das vendas que serán apoiadas”. O representante do Goberno autonómico lembrou que “con este programa a Xunta busca tanto facilitar a internacionalización individual das pemes como favorecer a cooperación e o aproveitamento de sinerxías entre varias compañías”.
Outras medidas de impulso á dixitalización
Cofinanciado polos fondos Feder, este programa complementa o Galicia Exporta Empresas e o Galicia Exporta Organismos Intermedios, aos que en conxunto en 2020 se destinan preto de 15 millóns de euros e cos que se espera apoiar a promoción no exterior de 1000 empresas galegas.
Ademais, o Galicia Exporta Dixital completa as medidas aprobadas polo Goberno galego para impulsar a transformación dixital das pequenas e medianas empresas e o comercio ao abeiro do Plan de reactivación e dinamización económica de Galicia. Estas iniciativas pretenden facilitar que poidan acometer os procesos de dixitalización máis axeitados que lles permitan reforzar a súa actividade e afondar na súa expansión internacional, tendo en conta de maneira especial o comercio de proximidade, o tecido empresarial situado no ámbito rural, a economía social e o impulso do teletraballo.