Venres 16 de Abril de 2021

Recepción en Raxoi ao delegado rexio con motivo da Ofrenda de Translación


O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e boa parte da Corporación asistiron aos actos con motivo da Ofrenda de Translación dos restos do Apóstolo Santiago, na que este ano oficiou como delegado rexio o presidente Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

Tras o pase de revista ás tropas na praza do Obradoiro, a comitiva dirixiuse á igrexa de San Francisco, onde se celebrou a cerimonia relixiosa, ao seguir en obras a Catedral. Logo da misa, as autoridades dirixíronse ao pazo de Raxoi, onde se celebrou unha recepción e a sinatura do delegado rexio no Libro de Honra.

Unha tradición de séculos
A cerimonia da Translación celébrase anualmente o 30 de decembro en recordo do traslado dos restos do Apóstolo Santiago dende o porto de Jaffa (Xerusalén) ata as costas galegas, onde foron desembarcados no peirao de Iria Flavia (Padrón). Segundo a tradición, a Raíña Lupa, soberana das terras, enviou tropas en persecución da comitiva apostólica, que foi salvada por un milagre que afogou aos perseguidores nas augas do río Tambre.

A Raíña Lupa quedou tan abraiada por este feito que ofreceu a súa axuda aos discípulos para que puideran soterrar os restos do Apóstolo, que son trasladados nun carro tirado por bois que ao azar buscan o lugar para o repouso do fillo de Zebedeo. Tras deterse (sempre segundo a lenda) na fonte da actual rúa do Franco, os bois continúan o seu camiño ata quedar inmóbiles no lugar que dende aquela se denomina Libredón (Liberum domum, regalo libre), onde é soterrado e pasa ao esquecemento o Apóstolo ata o seu posterior descubrimento no ano 813 por un eremita.

O rei Alfonso VI realizou no ano 1109 a primeira ofrenda da Translación, entregando unha ducia de talentos de ouro e outra de marcos de prata. En 1642, baixo o reinado de Felipe IV, esta cerimonia institucionalízase con carácter definitivo. Dende entón actúa como oferente o Rei ou un delegado rexio