Luns 10 de Decembro de 2018

O Concello de Cabanas trasládalle á Xunta o proxecto para liderar un obradoiro de emprego vencellado ás Fragas do Eume cos municipios que integran o parque natural


O programa mixto pretende ofrecer formación e emprego aos participantes para a realización de tarefas de conservación e recuperación de espazos naturais

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, mantivo un encontro de traballo co alcalde de Cabanas, Germán Castrillón, para coñecer de primeira man o proxecto de creación dun obradoiro de emprego para a realización de tarefas de conservación e recuperación de espazos naturais xunto cos municipios vencellados ao parque natural das Fragas do Eume.

O rexedor dá así un paso máis na proposta plantexada hai dúas semanas na reunión da xunta rectora do parque, cando manifestou a súa intención de concurrir á orde de axudas e subvencións para os obradoiros de emprego convocada pola Consellería de Traballo e Benestar. Polo momento, o concello de Cabanas –segundo manifestou Castrillón- conta co respaldo á súa proposta de Monfero e Pontedeume, que xa trasladaron a súa vontade de participar conxuntamente nesta convocatoria, que mantén aberto o prazo de presentación de ofertas ata o vindeiro día 14.

Do Campo, pola súa banda, amosou a súa satisfacción pola iniciativa destes municipios, xa que, segundo indicou, ten como obxectivos, por unha banda, mellorar a empregabilidade dos traballadores que toman parte no obradoiro, ofrecéndolles unha formación para o emprego teórico práctica de calidade, da man dos especialistas que as imparten. Así mesmo, a posta en marcha deste proxecto permite a realización de actuacións de mellora das dotacións públicas ou de uso público no ámbito local, que repercuten na mellora da calidade de vida e dos servizos para toda a sociedade. Finalmente, o terceiro aspecto importante que rodea este programa é a colaboración institucional entre a Xunta de Galicia e as entidades locais responsables de promover estas iniciativas.

De resultar beneficiarios deste programa mixto de formación e emprego, os participantes destes concellos contarán cun contrato e cun salario combinado con formación específica durante 6 meses. Poderán participar nos obradoiros de emprego as persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, que teñan unha idade igual ou superior a 18 anos.

Reunión informativa sobre o Plan Reitor de Uso e Xestión
Na mesma xuntanza, Castrillón e Do Campo aproveitaron para acordar a celebración no municipio de Cabanas, a proposta do alcalde, dunha reunión informativa acerca do documento inicial do Plan Reitor de Uso e Xestión, que nestes momentos se atopa en período de participación pública.

O encontro terá lugar o vindeiro sábado, día 7 de febreiro, ás 11 horas, na Casa do Concello de Cabanas e contará coa presenza do xefe de servizo de Conservación da Natureza, que se encargará de aclarar as dúbidas xurdidas sobre o documento. Do mesmo xeito, os asistentes poderán canalizar a través dos representantes da Xunta e do Concello as súas aportacións para mellorar e enriquecer o documento. Neste senso, a delegada territorial recordou que se trata dun documento que está aínda comezando a súa tramitación e no que se pretende acadar o máximo consenso cos axentes implicados, tal como quedou demostrado na rolda de contactos levada a cabo previamente con todos os participantes no parque natural: alcaldes, propietarios, ecoloxistas, sector turístico, empresarios, etc. Neste senso, o primeiro edil e Do Campo expresaron a súa vontade de seguir a celebrar este tipo de encontros coas partes que así o demanden.

Paralelamente a este proceso de participación pública a Xunta está a traballar na redacción do documento ambiental estratéxico. Unha vez que se finalice o período de participación pública, e se incorporen a este documento preliminar as achegas remitidas polos interesados, obterase xa un anteproxecto de decreto do Plan Reitor, que deberá superar un período de información pública e audiencia aos interesados. Neste período será tamén cando se recaden os informen sectoriais preceptivos.