Domingo 15 de Decembro de 2019

O Pleno da Deputación aprobará este venres todos os proxectos do POS 2015, dotado con 24,2 millóns de euros


As bases do programa, financiado integramente pola institución provincial, especifican que son os concellos os que deciden o destino dos cartos

O pleno da Deputación da Coruña reunirase este venres para aprobar, entre outras cuestións, a relación de obras e proxectos incluídos no Plan Provincial de Obras e Servizos para este ano, dotado cun total de 24,2 millóns de euros. Esta cantidade é aportada integramente pola institución provincial a través dos seus fondos propios.

Os municipios da provincia, unha vez coñecido o importe que lle corresponde a cada un, son os que establecen a qué dedicarán os cartos, xa sexa a investimento, a gasto corrente ou a amortización de débeda. Neste exercicio, as porcentaxes fixadas nas bases foron un 40% máximo para gasto corrente ou débeda e un 60% para investimentos ou obras.

Dos 93 concellos da provincia, 26 destinan toda a súa achega a obras e investimentos, mentres que os demais reservan cartos para gasto corrente. Ningún utiliza este ano os fondos do POS para amortizar a súa débeda financeira.

No que se refire ás cantidades, 19.298.992,68 euros (o 79,75% do importe do plan) irán destinados a obras, mentres que 4.901.007,26 servirán para sufragar gastos correntes nos concellos.