Mércores 15 de Agosto de 2018

Os alcaldes de Brión e Ames solicitan un obradoiro de emprego conxunto


O obradoiro, que se centraría na mellora da accesibilidade en varios espazos públicos, ten un orzamento de máis de 272.000 euros e formaría 24 alumnos-traballadores

Os alcaldes de Brión e Ames, Xosé Luís García e Santiago Amor, asinaron en Brión un convenio de colaboración entre os dous Concellos para o desenvolvemento do obradoiro de emprego conxunto ‘Accede’. As dúas entidades dan así un paso máis para solicitarlle á Consellería de Traballo e Benestar a axuda necesaria para poñer en marcha esta nova iniciativa de formación e emprego, orzamentada en algo máis de 272.000 euros. A intención é que a administración autonómica financie o 75 % do seu custo, uns 206.000 euros. Os dous Concellos achegarían os 66.000 euros restantes, nunha proporción do 80% por parte de Ames e do 20% por parte de Brión.

O obradoiro, cunha duración de seis meses, planificouse para contar con 24 alumnos-traballadores na especialidade de pavimentación e albanelaría de urbanizacións. Tal como se estipula no acordo subscrito, os dous Concellos asumen o compromiso de procurar a inserción laboral de polo menos o 10% das persoas desempregadas que participen no proxecto, entendida como a obtención dun contrato por conta allea de máis de seis meses de duración ou a súa constitución como autónomos tamén por un mínimo de medio ano.

Ademais de formar neste oficio a persoas desempregadas e facilitar a súa posterior inserción laboral, o obradoiro de emprego serviría para mellorar a accesibilidade en varios espazos públicos. En concreto, en Ames prevese a mellora de seis pasos de peóns da Avenida de Rosalía de Castro (O Milladoiro), intervindo nas beirarrúas das dúas marxes, e a reparación do pavimento na Praza Chavián, en Bertamiráns. E en Brión acometeríase a mellora da accesibilidade en seis pasos de peóns do Paseo de Pedrouzos, tamén polas dúas beiras, ademais da canalización de augas pluviais nun deses pasos.

Como equipo directivo, docente e de apoio, o proxecto do obradoiro de emprego ‘Accede’ prevé contar cunha persoa para dirección, dous mestres da especialidade a xornada completa, un titor, un auxiliar administrativo e un profesor de xestión empresarial. O espazo para o desenvolvemento formativo sería o Centro de Formación e Emprego do Concello de Ames.
Este non é o primeiro obradoiro de emprego que Ames e Brión desenvolven en conxunto. De feito, desde setembro de 2014 está en marcha un denominado ‘Entre Ríos’, dedicado á conservación e mellora de espazos naturais. Nel, os 22 participantes efectúan actuacións como de preservación de ecosistemas, preparación e sinalización de roteiros ou accións de prevención de incendios forestais.