Sábado 26 de Maio de 2018

22 veciños de Riveira, A Pobra, Boiro e Rianxo concluíron o obradoiro de emprego Curota


O Centro Cultural Lustres Rivas viviu esta mañá o acto de clausura e entrega de diplomas do obradoiro de emprego Curota, que ao longo de seis meses estivo proporcionando formación e traballo na especialidade de pavimentos e albanelería de urbanización a 22 persoas de Riveira, A Pobra, Boiro e Rianxo.

A tenente de alcalde de Riveira, Dolores Elorduy; o concelleiro de Servizos e Mantemento da Pobra, Andrés Millán, e a concelleira de Servizos Sociais, Muller e Terceira Idade de Boiro, Beatriz Deus, foron os encargados de facer a entrega de diplomas aos participantes.

Ademais, Dolores Elorduy dirixiu unhas palabras en nome dos comparecentes para darlles as grazas pola súa implicación na escola taller e desexarlles que a experiencia lles sirva de porta de entrada no mercado laboral.

Ao igual que os talleres predecesores os traballos desenvolvidos por estes alumnos redundaron non só na súa propia formación, senón tamén en beneficio da comunidade ao realizar actuacións en espazos públicos que son de interese para a cidadanía.

Así, polo que respecta a Riveira, renovouse un tramo de beirarrúas na avenida da Coruña; mentres que na Pobra realizouse unha actuación en Silva; en Boiro, en Escarabote; e, polo que respecta a Rianxo, executouse un plan viario e de accesibilidade.