Martes 23 de Xaneiro de 2018

O concello de Neda ampliará o espazo destinado aos servizos sociais grazas a un convenio coa Deputación da Coruña


O presidente da Deputación salientou o empeño do alcalde en facerse co baixo anexo ao concello para manter a casa de todos os veciños no centro do municipio

O presidente da Deputación da Coruña asinou esta mañá co alcalde de Neda, Ignacio Cabezón, un acordo de colaboración co obxectivo de que o Concello poida adquirir o inmoble anexo á casa consistorial e conectar ambos espazos.

Deste xeito, segundo explicou o rexedor nedense, conseguirase un local moi necesario para a atención aos veciños, xa que o proxecto especifica que se sumarán 180 metros cadrados destinados sobre todo a Servizos Sociais. Ademais, haberá espazo tamén para as oficinas dos grupos políticos municipais, para os traballadores do servizo de Medio Ambiente e para a atención ao público. A compra deste local precisa dun investimento de 105.000 euros que asumirá a Deputación. Posteriormente, a conexión realizarase a través do salón de plenos, que tamén verá ampliada a súa superficie co fin de darlle maior espazo aos veciños que asistan como público ás sesións plenarias.

Tras a firma do acordo, Diego Calvo salientou o empeño do alcalde de Neda por levar adiante este proxecto e facerse coa titularidade dun baixo anexo á casa consistorial que utilizaba ata agora en réxime de aluguer para acoller o banco de alimentos dos Servizos Sociais. De feito, apuntou que foi el persoalmente quen levou a cabo a negociación coa entidade bancaria propiedade deste local ata conseguir unha rebaixa do prezo de venta e poder adquirilo canto antes.

“A nosa intención era manter os servizos municipais onde están agora, no centro do municipio, para facilitar así as xestións aos veciños. O único xeito de facelo era comprar este baixo, algo que poderemos facer xa grazas á axuda da Deputación da Coruña”, explicou o alcalde, que agradeceu a implicación da institución provincial nesta “operación” desde o primeiro momento.

Pola súa banda, Diego Calvo falou dun proxecto que se leva a cabo nun momento determinado, pero que perdura no tempo e que non ten outro obxectivo que beneficiar aos veciños porque, dixo, “poderán ter a casa consistorial que merecen e non farán desprazamentos entre diferentes inmobles para resolver as súas xestións”.

O Plan de Obras e Servizos e o PAI
Durante o encontro entre ambos mandatarios, o alcalde explicou os investimentos que se van realizar con cargo ao Plan de Obras e Servizos deste ano, dotado con 138.074,75 euros para o Concello de Neda. Do montante total, preto de 83.000 euros irán destinados á pavimentación de camiños en Barcela, Pedrós e Casadelos e a reparación e substitución de alumeado na Cruz de Pouso e Fontevella.

Pola súa parte, Calvo salientou que, como novidade deste ano, Neda recibirá da Deputación da Coruña outros 140.112,09 euros grazas ao PAI (Plan de Aforro e Investimentos), dotado cun total de 25 millóns de euros a repartir entre todos os concellos da provincia.