Mércores 24 de Outubro de 2018

A Deputación da Coruña inviste preto de 200.000 euros en mellorar camiños municipais en Dodro


O rexedor solicitou a axuda da institución provincial para poder mellorar varios accesos do concello

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, asinou esta mañá un acordo co alcalde de Dodro, Valentín Alfonsín, para formalizar unha achega de preto de 200.000 euros que permitirá arranxar varios camiños municipais do municipio.

O rexedor solicitou axuda á institución provincial para resolver problemas no acceso a Revixós, en Tarrío, no camiño de Castro a Estrada Teaio, no camiño de Lestrove Tras O Pazo, no camiño de Pintor-Cancela a Brea e en dende a AC-305 (Xuncos) a Rial, todos eles, viarios en moi mal estado debido aos sucesivos temporais dos últimos anos. Ademais, cumprirase unha demanda dos veciños no camiño Teaio-Bustelo, ao ampliar o seu ancho, segundo explicou o rexedor.

En xeral, as obras consistirán na mellora da capa de rodaxe, na limpeza de cunetas e a formación doutras novas, a adaptación de arquetas e pozos á nova rasante e a canalización de pluviais, segundo as necesidades de cada viario.

Así mesmo, o proxecto inclúe a construción de beirarrúas no Colexio Público Integrado de Dodro ao longo de 110 metros. Actualmente no entorno non existe espazo reservado aos peóns e os vehículos invaden a zona durante a entrada e saída das clases. Para poñer fin a esta situación, executaranse beirarrúas de 1,7 metros de ancho.

Vaise tamén reparar a drenaxe transversal en Bexo coa colocación de oito metros de taxea de formigón coas súas correspondentes embocaduras para a canalización de pluviais.

Valentín Alfonsín mostrouse agradecido coa colaboración da Deputación da Coruña, que asume en solitario o orzamento preciso para todos estes traballos e que ascende a 199.995,71 euros.