Venres 15 de Decembro de 2017

Manuel Regos visitou ‘Segunda oportunidad’, o centro de acollida de animais abandonados do Concello


Anuncia a próxima colaboración coa asociacion SOS Pelines “para poder seguir mantendo o alto nivel de adopcións e a ausencia de sacrificios”. Á xornada de portas abertas acudiron moitos veciños e veciñas

O alcalde de Ordes, Manuel Regos, visitou as instalacións do centro de acollida de animais abandonados ‘Segunda oportunidad’, que o Concello puxo en marcha recentemente. Unha xornada de portas abertas que o edil aproveitou para manter unha xuntanza de traballo con membros da asociación SOS Pelines. Tras o encontro ambas partes manifestaron a súa intención por “empezar traballar xuntos o antes posible”, anunciando así a próxima colaboración no coidado e mantemento dos cans depositados. Ademais do alcalde á cita tamén acudiu todo o equipo de goberno, así como outros moitos veciños, veciñas e traballadores do Concello.
“O obxectivo principal deste centro é poder albergar en perfectas condicións cans perdidos e abandonados para ser entregados en adopció. Teñó ben claro que o trato correcto aos animais é sintomático dunha sociedade avanzada e respectuosa”, explicou Manuel Regos. “Para iso o Concello de Ordes emprega tamén as súas redes sociais e plataformas dixitais, a través das cales calquera persoa pode ver información e fotografías actualizadas dos”, puntualizou.
Por parte de SOS Pelines preténdese “que todos e todas aqueles que queiran formar parte da asociación e axudar a pasear, coidar e atender estes cans de maneira altruísta poidan facelo coas máximas facilidades posibles”. No encontro tanto Ana Hervés como Raquel Lijo, representantes de SOS Pelines no municipio, tamén aconsellaron a castración dos exemplares que cheguen a centro de Ordes “como medida para evitar a proliferación de cans abandonados”.
Con todo elo preténdese afianzar e consolidar a dinámica de non sacrificar ningún animal coa que foi constituída o centro ‘Segunda oportunidad’. De feito ata o día de hoxe todos os cans foron entregados en adopción sen ter que matar a ningún deles, agás un número reducido de casos por motivos de saúde.
Investimento de 57.000€
As novas instalacións están situadas no mesmo parque empresarial de Ordes (Merelle), nunha parcela de máis de 2.500 metros cadrados. O proxecto supuxo un investimento de 57.000 euros incluíndo o mobiliario. Consta de 6 cubículos independentes destinados a animais sans, perigosos, enfermos non contaxiosos e infecto-contaxiosos. Todos eles están dotados de camas, comedeiros dispensadores e bebedoiros con auga potable; lazareto para animais que precisen de tratamentos especializados por prescrición veterinaria; sala de curas con caixa de primeiros auxilios, mesa de exploración, almacén de aparellos e vertedoiro; oficina para tarefas administrativas; aseos e vestiarios para o persoal con ducha, armarios e bancos; almacén con zonas diferenciadas para gardar produtos de limpeza, hixiene, penso e comida dos animais; patio de exercicio con leve pendente de inclinación ás zonas de desaugadoiro; zona de acceso situada á entrada das instalacións con acceso directo á área de administración e zona de espera de animais.
En total poderanse acoller 18 cans entre 10 e 20 quilos de peso, 12 deles nos cubículos normais e outros 6 entre o lazareto e o espazo destinado aos enfermos non infecto-contaxiosos. En canto ás razas acolleranse todas, incluídas as consideradas como perigosas.
O obxectivo principal deste centro de acollida “é poder albergar en perfectas condicións cans perdidos e abandonados para ser entregados en adopción ou para facilitar que os seus donos os atopen, porque o trato correcto aos animais é sintomático dunha sociedade avanzada e respectuosa”, explicou Manuel Regos. “Para iso o Concello de Ordes emprega tamén as súas redes sociais e plataformas dixitais, a través das cales calquera persoa pode ver información e fotografías actualizadas dos cans que se ofrecen en adopción, así como daqueles afortunados que contan cun novo fogar”, puntualizou.
O recinto réxese polo establecido na Lei 1/1993 de 13 de abril de protección dos animais domésticos e salvaxes en catividade. Realízanse libros de rexistro nos que se especifica a data de inscrición; procedencia do can; especie ou raza; data de baixa; destino; identificación e domicilio dos novos adoptantes. Unhas tarefas que desenvolve o profesional veterinario responsable do servizo, que tamén conta co apoio de persoal operario do Concello de Ordes no mantemento das instalacións e no trato cos animais.