Venres 28 de Xullo de 2017

Traballo desenvolverá nos vindeiros meses seis obradoiros de emprego na área da Coruña e Betanzos


Estas iniciativas mixtas de formación e emprego beneficiarán aos concellos da Coruña; Abegondo, Bergondo, Carral e Mesía; Cambre e Sada; Oleiros; Oza-Cesuras e Coirós; e Vilasantar, Curtis, Sobrado dos Monxes e Boimorto

A Consellería de Traballo e Benestar destinará ás comarcas da Coruña e Betanzos ao redor dun millón de euros para desenvolver seis obradoiros de emprego, que poderán beneficiar a 125 persoas sen emprego. En cada un dos obradoiros que se acaban de conceder participarán 20 traballadores e traballadoras -agás no da Coruña e no de Cambre e Sada, que terán 23 e 22 respectivamente-. Trátase da avaliación realizada pola comisión de valoración do departamento autonómico, xa que a resolución definitiva realizarase nos vindeiros días.

En primeiro lugar, o Concello da Coruña volverá a organizar un obradoiro, denominado “San Amaro II”, co fin de continuar co acondicionamento do cemiterio da cidade. Pola súa banda, os municipios de Abegondo, Bergondo, Carral e Mesía desenvolverán un obradoiro de xeito conxunto, centrado na atención á dependencia no fogar e nas institucións.

Sobre atención sociosanitaria tamén será o obradoiro que desenvolverán conxuntamente os municipios de Cambre e Sada, mentres que Oleiros valerase deste programa para levar a cabo o acondicionamento da finca Tenreiro.

Por último, Oza-Cesuras e Coirós desenvolverán un obradoiro baixo a denominación “Activa” e os municipios de Vilasantar, Curtis, Sobrado dos Monxes e Boimorto, outro titulado “Terras da Montaña”.

Estas seis actuacións, ademais de promover a colaboración entre os concellos, apostan pola eficiencia e a optimización do investimento público e ofrecen aos seus participantes unha formación de calidade, xa que os alumnos, unha vez rematados os obradoiros, reciben un certificado de profesionalidade de validez para todo o territorio nacional.

Nas vindeira semanas, poranse en marcha na provincia da Coruña un total de 18 obradoiros de emprego en 42 concellos, que contarán cun investimento de máis de 3,26 millóns de euros, dos que se beneficiarán 367 alumnos e alumnas. En toda Galicia, este programa acadará o medio cento de iniciativas, chegando aos 10,2 millóns de euros de orzamento.

Ademais, este ano o departamento autonómico convocou por primeira vez unha orde, que se resolverá proximamente, para menores de 25 anos, incluída dentro do novo programa de Garantía Xuvenil, que conta cun orzamento de 4,7 millóns de euros. Así pois, Traballo investirá arredor de 15 millóns de euros na posta en marcha de 70 obradoiros ao longo do presente ano, que terán 2.000 beneficiarios.