Mércores 17 de Outubro de 2018

Educación iniciouos traballos para crear unha aula de usos múltiples no Colexio Público Integrado CastroBbaxoi, do concello de Miño


O departamento autonómico destinará unha achega de 62.000 euros para acondicionar o novo espazo, que estará rematado antes do verán

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Xefatura Territorial, iniciou as obras para crear unha nova aula de usos múltiples no Colexio Público Integrado (CPI) Castro de Baxoi, no concello de Miño. Así o comprobou esta mañá a delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, que visitou o centro, acompañada polo alcalde, Jesús Veiga.

Do Campo explicou que o investimento nesta actuación por parte do departamento autonómico será de 62.000 euros. Os traballos, que consistirán en acondicionar o espazo dun dos pavillóns do centro, que actualmente se encontra en desuso, para o seu aproveitamento por parte de mestres e alumnos para a realización de diversas actividades. As obras, que non interferirán no desenvolvemento normal da actividade académica, estarán rematadas antes do verán, polo que será posible o uso desta nova aula a partir do vindeiro curso 2015/2016.

Con esta actuación, indicou a representante do Goberno galego na provincia, a Xunta “está a dar resposta ás necesidades educativas detectadas neste municipio, cumprindo o compromiso adquirido coa comunidade educativa do centro, coa que se consensuaron estas medidas”. Na mesma liña, subliñou que “a Xunta traballa para seguir avanzando na adecuación das infraestruturas co fin de continuar mellorando as condicións de traballo e estudo dos mestres e do alumnado”.