Sábado 26 de Maio de 2018

A Deputación da Coruña apoia con 127.000 euros a recuperación do litoral de Cabana de Bergantiños


A obra permitirá a construción de sendas para dar acceso á poboación á zona de costa

A Deputación da Coruña aprobou no último pleno un convenio de colaboración co Concello de Cabana de Bergantiños polo que a institución provincial colaborará coa recuperación e posta en valor do borde litoral entre Orixeira e O Curro, co obxectivo de facilitar o acceso da poboación á zona de costa.

Nas obras contémplase a recuperación da servidume de tránsito e a restauración ambiental da zona, que actualmente presenta un estado degradado importante.

Para iso se facilitará e canalizará o acceso peonil á zona marítimo-terrestre mediante a execución de itinerarios peonís. Ademais, acondicionarase o litoral cos servizos e elementos necesarios como o mobiliario urbano ou a sinalización a través de paneis interpretativos que axuden a coñecer o hábitat e, polo tanto, a importancia da súa protección.

As obras consisten na roza do terreo, a construción de sendas e pavimentos cando sexa necesario, así como de bordos, varandas e remates. Tamén se inclúen os labores de abastecemento para a fonte e traballos de xardinería e instalación de mobiliario.

O orzamento da actuación ascende a 326.409,42 euros, dos que a Deputación asumirá o 38,72%.