Luns 19 de Novembro de 2018

A Deputación apoia as actividades do Club o Parrulo de Ferrol na promoción do deporte base


Cunha subvención de 20.000 euros, o ente provincial asumirá o 28,42% do orzamento total da entidade

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, vén de asinar un acordo co portavoz do Parrulo Fútbol Sala de Ferrol, Julio Martínez Martínez, polo que a entidade deportiva recibirá 20.000 euros para financiar as actividades do primeiro equipo e potenciar as categorías base do club.

A firma do convenio permitirá financiar o material deportivo e médico, así como as cotas e dereitos de participación, de arbitraxe ou as licencias e desprazamentos e manutención. Con esta achega tamén se poderán pagar as indemnizacións de xogadores e técnicos, así como os custes de fisioterapeutas, preparadores físicos e seguros. En total, a Deputación asumirá o 28,42% do orzamento total, que ascende a 70.380 euros.

O club O Parrulo de fútbol sala realiza unha importante promoción deste deporte en toda a comarca de Ferrol. Ten unha ampla canteira de 120 nenos repartidos entre a categoría biberón ata xuvenís. Esta é ademais a base que serve para nutrir ao equipo sénior e que representa á Coruña na segunda categoría nacional de fútbol sala, xa que se trata do único club da provincia neste nivel.