Venres 27 de Novembro de 2020

O atletas Marcos Mallo “Tosky” e Fernando Pérez “Dete”, mellores deportistas de Lousame no 2014


Un cento de persoas asistiron á I Gala do Deporte, que distinguiu aos deportistas e clubs máis destacados do municipio no último ano

O auditorio da Casa da Cultura de Lousame acolleu na noite de onte sábado a primeira Gala do Deporte de Lousame, un recoñecemento “aos grandes deportistas que hai en Lousame e que moita xente deste mesmo municipio nin os coñecen”, tal e como explicou a alcaldesa Teresa Villaverde, quen confirmou que o evento terá continuidade nos próximos anos. Unha gala na que o gran premio foi para os atletas Marcos Mallo Figueira “Tosky” e Fernando Pérez Fernández “Dete”, galardoados como os mellores deportistas de Lousame no ano 2014.

Un ano no que Fernando Pérez Fernández “Dete” proclamouse Campión Galego de Canicross e subcampión de España de Canicross Neve (Baqueira Beret). “Estou aquí en representación dos meus cans. Porque eu sen can non son nada porque el marca o ritmo e eu intento seguilo”, bromeou “Dete”, quen agradeceu a colaboración do Concello de Lousame e tivo unha meción especial para Pilar Barreiro, de quen dixo que “ten que ser un exemplo para todos, un referente a seguir”.

Pola súa banda, Marcos Mallo Figueira “Tosky” proclamouse en 2014 campión do Circuito Galego de Duatlón Cross e campión do Open de Galicia BTT XC. “Tosky” aplaudiu a iniciativa da Gala do Deporte e asegurou que “me gustaría que isto seguise adiante e que dentro de dez anos non esteamos aquí só dúas persoas, senón vinte. Porque en Lousame hai potencial para que haxa xente en todas as disciplinas”.

Mellor deportista

O momento máis emotivo da Gala presentada polo xornalista Ton Lorenzo, de 5 FM Radio, foi a entrega do premio a Pilar Barreiro Senra como a mellor deportista da historia de Lousame. No seu currículo figuran fazañas como ser campioa de España de 800 metros lisos, tanto ao aire libre como en pista cuberta, ser seis veces internacional absoluta coa Real Federación Española de Atletismo ou posuír aínda o récord galego de 800 metros cunha marca de 2´ 01”. Barreiro valorou esta Gala como “una forma de reconocer a todos los deportistas que están empezando y que hay mucho potencial en este concello”. Ademais de agradecer a homenaxe do Concello de Lousame, Barreiro tivo un especial recordo para a súa familia, presente no acto, e “a alguien que ya no está pero que está ahí arriba: gracias papá”.

Teresa Villaverde destacou que “os deportistas teñen para min un valor especial porque detrás dos seus éxitos hai moitas horas de entrenamento, de privarse de cousas e iso hai que recoñecelo e valoralo”. Ademais de felicitar aos deportistas e clubs polos seus éxitos, Villaverde tamén agradeceu o papel das familias “que traen aos rapaces ás actividades e se esforzan por levalos a elas. Porque o deporte educa non só o físico dos nosos nenos e nenas, senón tamén a mente, dálles forza de vontade e moitas outras cousas que lles serán necesarias para a súa vida como adultos”.

Premios

A I Gala do Deporte entregou un total de 19 distincións. Ademais das xa mencionadas, o Concello de Lousame tivo un especial recoñecemento aos membros de Protección Civil e á Rede de Voluntariado Local polo seu apoio fundamental no desenvolvemento das actividades deportivas municipais. Uns premios que foron recollidos por Rita Muñiz Lojo e Laura Saavedra Blanco, respectivamente.

No resto de categorías, os premios correspondentes ao mundo do Motor distinguiron a:

1- David Fabeiro Figueroa “Faba” e Sergio Vázquez Ces “Boni”, pola súa traxectoria deportiva e promoción de actividades de motocross
2- Santiago Gience Maneiro, pola súa traxectoria deportiva en motocross (campión galego de Supercross dúas veces e subcampión galego de Motocross outras dúas). Recolleu o premio no seu nome David Fabeiro Figueroa.
3- Escudería Berberecho, pola súa traxectoria deportiva e difusión do Concello de Lousame. Recolleu o trofeo José Javier Rodríguez Martínez.
4- Luís Carballido, pola súa traxectoria deportiva no mundo dos rallies (campión de España do trofeo Citroën CS Sport Car de Rallys, subcampión do Trofeo Citroën no Rally Príncipe de Asturias)

Na categoría de clubs e escolas deportivas, os cinco premiados foron:

1- Escola Deportiva Municipal Tenis /Club Punta Salera, pola súa traxectoria deportiva e promoción do deporte base (tenis). Recolleu o premio Víctor Sobrido Lago.
2- Lousame Veteranos Fútbol, pola súa traxectoria e promoción deportiva. Recolleu o premio Jesús González Nieto.
3- AD Cruído, pola súa traxectoria deportiva e fomento do deporte de base (fútbol). Julio Moreno Montero, coordinador fútbol base, quen anunciou que os alevíns viñan de proclamarse campións da súa categoría.
4- Lesende CF, polo seu ascenso á 1ª Rexional. Recolleu o premio Antonio Del Río Paredes.
5- Club BTT e Tríatlon Treito, pola súa promoción do deporte e colaboración con eventos deportivos municipais. Recolleu o premio José Manuel Busto Gallardo.

Nos premios especiais, os galardoados foron:

1- María del Carmen Freire Pérez “Mari” e Manuela Filgueira Gandarela “Manoli”, pola súa promoción do sendeirismo e colaboración en eventos municipais.
2- José Ángel Gience Maneiro, á súa traxectoria deportiva.
3- Santiago Romero Ons “Piru”, primeiro atleta de Lousame Finisher en tríatlon de longa distancia, como exemplo superación persoal.
4- Óscar Ortigueira Cao (Taekwondo), pola súa proxección deportiva. Foi campión de Taekwondo en categoría cadete 2014.
5- Marcos García Sóñora (Tenis), pola súa traxectoria deportiva: campión absoluto Máster Provincial de Tenis, campión absoluto en diferentes torneos: Pobra do Caramiñal, Ribeira, Valga…
6- José Luís Pan Sobradelo, premiado pola súa traxectoria deportiva e como referente do deporte adaptado: campión de España de natación de persoas con discapacidade (braza) e medalla de ouro no Campionato Nacional de Portugal. Recolleu o premio en representación o seu pai José Óscar Pan Pérez.
7- Pilar Barreiro Senra, premio á mellor deportista da historia de Lousame
8- Marcos Mayo Figueira e Fernando Pérez Fernández, premios aos mellores deportistas do ano 2014.