Martes 18 de Setembro de 2018

No 2014 producíronse en Galicia máis de 235.000 toneladas de mexillón, un 28% por riba do ano anterior


Rosa Quintana reiterou o apoio da Xunta a este sector, que se materializa en iniciativas como a próxima Lei de Acuicultura ou as axudas económicas que recibe e que sumaron máis de 20 millóns de euros nos últimos anos

No ano 2014 producíronse en Galicia máis de 235.000 toneladas de mexillón, cun valor próximo aos 100 millóns de euros. Esta produción –que representa o 95% do total do volume da acuicultura galega– supuxo un 28% máis que o ano anterior. Así o destacou este mediodía a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, durante a súa intervención na XIV Exaltación do Mexillón de Galicia de Cabo de Cruz, que se celebrou na localidade coruñesa de Boiro.

Rosa Quintana sinalou que desa cantidade total, máis de 58.000 toneladas e un valor superior aos 25 millóns de euros –equivalente ao 25% do total de Galicia– corresponde á comarca do Barbanza. Son –dixo a conselleira– “unhas cifras nada desprezables para un sector bateeiro con gran implantación nesta zona e que move unha non menos importante industria conserveira do mexillón tamén asentada aquí”. E engadiu que con estes datos “apuntálase un feito cualitativo que radica na importancia e carácter fundamental que a miticultura ten para as nosas rías e zonas costeiras”.

A titular de Medio Rural e Mar advertiu que este peso do sector miticultor fai que teña a consideración de eido “estratéxico da nosa produción primaria” e que sexa “merecedor de todo o noso apoio preferente”. Neste sentido, a conselleira indicou que “un dos pasos fundamentais deste apoio para estes anos virá dado pola nova Lei de Acuicultura, cuxo primeiro chanzo aprobarase en breve tras meses de traballo por parte da Secretaría Xeral do Mar”. Esta norma, dixo, “permitiranos apoiar ao sector miticultor desde o eido normativo dando carta de natureza e rango de lei a moitas actividades que teñen carácter específico desta actividade e que conlevan termos tan presentes na vida diaria dunha batea coma o chicoteo ou o reparqueo”.

A maiores, Rosa Quintana lembrou o apoio “económico, administrativo, organizativo e operativo” que a Xunta lle presta a este sector. Así, no eido económico, destacou que “máis do 93% dos expedientes de axudas á acuicultura galega aprobados foron de proxectos deste segmento de actividade, aportando máis de 20 millóns de euros nos últimos anos”. No ámbito administrativo, “procedendo a outorgar maior seguridade xurídica ás máis de 3.300 bateas instaladas en Galicia mediante a posta a cero dos seus contadores de concesión”. No plano organizativo, coa “estruturación da actividade mediante a creación da Comisión do Mexillón”. E desde o punto de vista operativo, “dando cobertura a múltiples accións que permitan facer máis acaída a Galicia a obriga de desenvolver o control da presenza de biotoxinas mediante o método químico”.