Martes 11 de Decembro de 2018

O fútbol carralés homenaxea a Borja Rodríguez Ans


A U.D. Carral, o C.F. Visantoña e a Cauca de Carral, disputarán un triangular amigable.

O sábado 22 de agosto, a partir das 12.00 da mañá no campo municipal de fútbol situado no polígono Dos capelos, terá lugar un acto homenaxe ao futbolista carralesBorja Rodríguez Ans, falecido en decembro de 2011 aos 24 anos de idade.

Este rapaz, moi querido por todo o mundo futbolístico, comezou a súa carreira deportiva nas escolas municipais aos 7 anos, pasando despois por varios equipos de toda a bisbarra (Ural FC, a U.D.Carral, a Cauca de Carral e o C.F. Visantoña). Sempre estivo vinculado na vida deportiva do municipio e participou activamente no ámbito deportivo e social de todos os equipos nos que competiu.

A homenaxe comezará sobre as 12.00 h cando o alcalde, José Luís Fernández Mouriño dirixirá unhas palabras aos presentes . Tamén intervirán o deputado provincial, D. José García Liñares, o concelleiro de deportes, Rubén Regueira Moar, e os representantes de cada un dos clubs que participan na homenaxe. A continuación descubrirase unha placa que dará nome á instalación como “Campo municipal de fútbol Borja Rodríguez Ans”. Despois disputarase un triangular amigable entre os compañeiros de Borja na UD Carral, aCauca e o C.F. Visantoña.

Ademais neste acto inauguraranse tamén as novas instalacións e servizos cos que contará o campo de fútbol. As novas melloras constan dun sistema de iluminación e peche perimetral, cuxo custo ascendeu a 112.862,17 €, e uns novos vestiarios cun valor de 117.164,01 €. Ambas as dúas obras foron sufragadas integramente pola Deputación en razón a un convenio asinado entre o ente provincial e o Concello de Carral. A iluminación consta de 4 torres con 2 focos de 2000 W cada un, mentres que os vestiarios se compoñen de 5 dependencias (incluíndo a do corpo arbitral) perfectamente acondicionadas.